En marcha unha nova edición do programa xuvenil Nocturnia

por Redacción A Coruña

Comezará o vindeiro 6 de outubro e rematará o 2 de decembro, con actividades gratuítas todos os venres e sábados

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición de outono do programa de lecer saudable Nocturnia. O programa oferta actividades gratuítas dirixidas aos mozos e mozas da coruña entre 12 a 30 anos e componse de dúas edicións anuais: primavera e outono.

Esta edición de outono de 2023 comezará o vindeiro venres 6 de outubro e rematará o sábado 2 de decembro, e inclúe propostas todos os venres e sábados gratuítas e para todos os gustos e inquedanzas. Pódense atopar desde actividades deportivas, roteiros culturais teatralizados pola cidade, saídas dun día para descubrir espazos naturais de Galicia así como un amplo abano de citas relacionadas coas artes escénicas, plásticas, musicais, dixitais ou literarias.

En total, preto dun cento de actividades concentradas en oito fins de semana. Un programa moi variado que se desenvolverá en espazos e horarios diversos onde poder compartir experiencias. O programa Nocturnia enmárcase nas política do Goberno de Inés Rey para a promoción de alternativas de ocio saudable na mocidade. Complementa as infraestruturas postas en marcha no pasado mandato como o novo Centro Xuvenil do Remanso ou as Naves do Metrosidero así como a pista de skate e multideportiva de Xosé Toubes aberta este verán.

O prazo de inscrición, de carácter semanal, ábrese os luns ás 16.00 horas e péchase os xoves ás 12.00 horas ou ao esgotar as prazas. A inscrición farase a través da web municipal www.coruna.gal/nocturnia. Neste enderezo as persoas interesadas atoparán todas as actividades desa fin de semana nas que poderán apuntarse. Este programa está co-financiado polo Plan Nacional de Prevención sobre Drogas do Ministerio de Sanidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario