“Chegáronnos moitas queixas da veciñanza en relación á falta de cumprimento de ordenanzas municipais, nomeadamente aquelas que regulan as terrazas e os ruídos. É por iso que imos levar este asunto ao primeiro Pleno ordinario de setembro, a se realizar o vindeiro xoves 7S”, anuncia a concelleira do BNG, Avia Veira
“Escandalízanos a falta de cumprimento das ordenanzas e escandalízanos a actitude do Goberno Local, moi permisivo e pouco vixilante”, engade. Os incumprimentos da regulación en materia de terrazas e ruídos “dificultan a normal convivencia” na cidade, alega.
Cando o Goberno Local non garante o cumprimento das normas o que sucede é que “hai quen pode pensar que non hai límites”, tanto no que ten a ver coa invasión do espazo público como no que atinxe ao volume dos decibelios.
“É fundamental garantir unha normal convivencia e pór por diante de todo a garantía da accesibilidade universal ao espazo público. Que as veciñas e os veciños podan ver satisfeito o seu dereito a transitar polo espazo público, que os vehículos de emerxencia non atopen obstáculos, que non se invadan os portais das vivendas…”, enumera Veira.
É moito hora de que o Goberno Local “poña orde e garanta o cumprimento das ordenanzas, de forma a asegurar a normal convivencia na cidade, respectando dereitos como a libre circulación dos peóns ou a un descanso sen ruídos”.
O Goberno Local non só non é “consciente” da situación, senón que mesmo dá a sensación de que tanto lle ten: “De feito, nos últimos temos vimos como se ampliou os horarios da hostalaría ou se permite a instalación de terrazas que non cumpren cos criterios de accesibilidade universal nin de paso de vehículos de emerxencia”, denuncia.
E como Veira pensa que o Executivo de Inés Rey non é consciente do que ocorre, o teor da pregunta oral que formulará no Pleno é o seguinte: “Coñece o Goberno Local as ordenanzas municipais en vigor?”