As emisións á atmosfera en Galicia aumentaron durante 2021

por Redacción Galicia

As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) e da maioría de contaminantes atmosféricos medraron en 2021

O Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) presenta o informe «As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021)», que complementa outro anterior centrado nas emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático (1). Ambos os dous  baseanse nos datos para Galicia do máis recente inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A repunta no consumo de combustíbeis fósiles no transporte foi a principal causa do aumento das emisións á atmosfera en 2021 con respecto a 2020, ano moi marcado pola COVID-19. As emisións de GEI aumentaron o 3,3%, salientando a suba do 19,9% das procedentes do transporte. Tamén medraron as emisións de gases precursores do ozono malo (+9,6%),  gases acidificantes (+0,4%) e partículas finas, PM2,5 (+14,9%).

Considerando individualmente cada un dos contaminantes, salientan o incremento das emisións de monóxido de carbono (+33,8%), partículas finas (+14,9%) e óxidos de nitróxeno (+10,2%).

Contaminante Tipo Cambio (2020-2021) 
Dióxido de carbono (CO2)Gas de invernadoiro+4,1%
Óxidos de xofre (SOx)Gas acidificante-19,4%
Óxidos de nitróxeno (NOx)Gas acidificante e precursor de ozono+10,2%
Amoníaco (NH3)Gas acidificante-1%
Compostos orgánicos voláteis non metánicos (COVNM)Gas precursor de ozono+3,1%
Metano (CH4)Gas precursor de ozono e de invernadoiro+2%
Monóxido de carbono (CO)Gas precursor de ozono+33,8%
Partículas finas (PM2,5)Partículas en suspensión+14,9% (2000-2020)

Tomando como referencia 1990, ano de inicio da serie de datos oficiais, constátase unha baixada xeralizada das emisións á atmosfera en Galicia, aínda que insuficiente para contribuír con xustiza á mitigación da crise climática global e lograr unha boa calidade do aire acorde coas recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS).

O informe constata que as emisións de contaminantes atmosféricos reducíronse en maior medida que as de gases de invernadoiro causantes de cambio climático. As de gases acidificantes reducíronse en 2021 nun 82,1% e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo nun 47,9%, sempre en comparación con 1990. Pola súa banda, as de partículas finas baixaron o 57,1% en relación a 2000 (non hai datos para 1990-2000).

Sen embargo, as emisións de GEI só minguaron o 34% con respecto a 1990. Polo tanto, aínda estamos ben lonxe do obxectivo do 65% que se debería acadar xa en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París. Tamén resta moito para cumprir o obxectivo da Xunta para 2030, establecido no 55%, se ben pendente de plasmación nunha actualización da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía que se está a atrasar moito.

As causas principais da redución global das emisións á atmosfera en Galicia durante as últimas tres décadas foron a substitución do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente  de vehículos e das propias centrais de carbón.

O abandono do carbón na produción eléctrica, consumado en outubro pasado co apagado da central das Pontes, foi o maior logro climático en Galicia até o día de hoxe, con consecuencias tamén positivas para a calidade do aire.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético  xa non é na actualidade a maior fonte  de contaminantes atmosféricos.  O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2021 a principal  fonte de gases acidificantes (65,2% das emisión totais), mentres que o  transporte liderou as emisións de gases de invernadoiro (26,2%) e de gases precursores do ozono malo (39,1%) (2). No  tocante ás partículas finas PM2,5, a combustión non industrial (principalmente doméstica) resultou ser a maior fonte (40,2%).

Tanto para mellorar a calidade do aire como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais. 

O informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2021) pódese descargar en https://ogacli.files.wordpress.com/2023/12/as-emisions-de-contaminantes-atmosfericos-en-galicia-1990-2021.pdf

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario