Preocupación e malestar entre as traballadoras de axuda no fogar de Samos tras dous meses de atrasos nos pagos por parte do bipartito

por Redacción Lugo

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, faise eco das queixas das traballadoras do servizo municipal de axuda no fogar (SAF) que levan dous meses de atraso no cobro de dietas e quilometraxe e, polo tanto, condena a xestión deste bipartito porque “é un completo desastre”

As traballadoras viñan percibindo estes pagos de forma trimestral e as cantidades correspondentes ao segundo trimestre deberían telas percibido a comezos do mes de xullo. É por iso polo que reclama que “se axilice o abono das contías que se lles deben e que, ademais, perciban os intereses de demora correspondentes”.

Gallego sinala que “nunca houbo este tipo de problemas no Concello de Samos ata a chegada ao goberno do actual bipartito que ten ás traballadoras do SAF agardando cobrar dende fai dous meses”. A este respecto, o popular lembra que “BNG e PSOE recibiron o Concello con fondos e totalmente saneado”.

O voceiro do Grupo Municipal Popular condena esta situación “tendo en conta que a alcaldesa cobra mes a mes”. Nese sentido, “preguntaremos no vindeiro pleno a que se deben estes atrasos no pago das dietas e a quilometraxe ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar” e “agardamos que non se volva repetir ningunha situación similar”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario