Folga Autonómica de Bombeiros. «Perigoso xogo das Administracións coa xestión dos Parques de Bombeiros»

por Redacción Galicia

A Representación dos Traballadores quere poñer en coñecemento da cidadanía o perigoso xogo que están a desenvolver as Administracións coa xestión dos Parques de Bombeiros durante Folga Autonómica.

Fai uns días o Concello de Arteixo, en Pleno, aprobou unha moción para solicitar a municipalización do servizo de Bombeiros por “ encontrarse nunha situación precaria este servizo e poder garantir aos seus habitantes dunha seguridade e tranquilidade”, “ os medios son insuficientes para atender á poboación e os riscos existentes”. Poñen enriba da mesa «A deslealdade que están a sufrir por parte do Presidente da Deputación”.

Os Representantes dos Traballadores entendemos que están a aproveitar a nosa Folga e as nosas reivindicacións para cobrarse algunha débeda pendente entre as Administracións. Non entendemos que se estea a xogar á política cun servizo esencial como o noso.

Cousas da vida, despois de 2 meses e medio de folga con 200 peches puntuais dalgún Parque de Bombeiros en toda Galicia hoxe pola mañá o Parque de Arteixo, vese na obriga de pechar o servizo ata as 12:00 horas. Os bombeiros que acudiron a súa quenda diaria ás 09:00 da mañá, intentaron contactar cos responsables do Consorcio para decidir que facer por non contar coa dotación mínima de persoal, sendo imposible atopar a ninguén ó outro lado do teléfono. Intentouse esta mesma xestión a través do 112 co mesmo resultado, notificando dende a Central de Emerxencias a súa imposibilidade de contactar con ningún responsable do Consorcio Contra Incendios.
A solución a este problema era tan sinxela como outras veces: derivar outro bombeiro doutro parque con mais dotación que os servizos mínimos ó Parque a Arteixo e así completar a dotación suficiente para prestar o Servizo.
Tan recorrida é esta medida que o pasado 31 de agosto, a estes responsables non lles importou pechar o Parque de Ribeira para prestar o servizo no Parque de Arteixo a pesar de deixar sen cobertura ós Concellos de Ribeira, Porto do Son e a Pobra do Caramiñal.

Ás 12:00 horas, 3 horas despois de rexistrarse a falta de persoal, o Parque Comarcal de Bombeiros de Arteixo reabriu as súas portas. Este tipo de incidencias rexístranse a diario dende a convocatoria de folga, fai xa 2 meses e medio.

Por casualidade, agora que se está a recoñecer por parte do Concello de Arteixo que o Servizo se presta en precario e que hai falta de material e persoal, o Parque pecha as súas portas podendo estar aberto cunha simple xestión por parte dos responsables do Consorcio.

Os traballadores interpretan isto como un xogo sucio entre as Administración encargadas de prestar o Servizo que non son outras que o Concello de Arteixo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

Dende o colectivo de bombeiros queremos, unha vez máis, denunciar publicamente esta situación, que atenta contra os dereitos da veciñanza á que nos debemos, insistindo no feito de que, a pesares de estar en folga autonómica dende o día 15 de xuño, ningún dos 200 bombeiros do Consorcio coruñés exerceu ata o de agora o seu dereito a secundala, non sendo atribuíble á folga dos traballadores o peche de ningún dos parques.

O vindeiro martes 05 de setembro, no Consello Galego de Relacións Laborais, a petición da parte traballadora, está convocada unha xuntanza coa intención de achegar posturas, á que as administracións aínda non confirmaron asistencia.

Se a falta de interese en solucionar este problema perdura a partires desta reunión, verémonos na obriga de intensificar as medidas a tomar dende a parte traballadora.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario