Xunta de Galicia e ás Deputacións Provinciais continúan na liña de dilatar prazos cos representantes dos Bombeiros Comarcais de Galicias

por Redacción Galicia

O pasado 23 de agosto a Representación dos Traballadores convocou formalmente á Xunta de Galicia e ás Deputacións Provinciais a unha reunión no Consello Galego de Relacións Laborais para este martes 05 de setembro, co obxecto de constituír unha Comisión Negociadora dende a que resolver os problemas que atravesa o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento dependente dos Consorcios Provinciais

A pesares de manterse contactos entre as partes nas últimas datas e non habendo nin confirmación nin negativa de asistencia por parte das diferentes administracións, a postura da parte traballadora era a de asistir ante a previsión de que a xuntanza tivera lugar. Mais hoxe, en torno as 13:00h, a parte social recibiu unha comunicación telefónica na que se nos trasladou que Xunta e Deputacións non van a poder acudir á xuntanza de mañá por ter axendada eles outra (sen a presenza da parte traballadora) para valorar as demandas que a representación dos traballadores propón como solución ao actual conflito. Propoñen por tanto que a reunión se pospoña para a vindeira semana, sen concretar data de momento.

Dende a Representación dos Traballadores estase en contacto cos interlocutores da Xunta e das Deputacións para fixar unha data o máis inmediata posible, co fin de compartila co colectivo e cos medios de comunicación.

Pola súa banda, o Comité de Folga quere trasladar aos 500 Bombeiros Comarcais de Galicia, que mentres non se acaden as solucións que o persoal demanda, vanse manter as medidas de presión que sexan precisas, intensificándoas se observamos que o xogo das Administracións continúa na liña que nos veñen acostumando de dilatar prazos. Igualmente lembramos aos nosos xestores, que este conflito resolverase pola súa banda con feitos e non con promesas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario