Dinosaur Jr actuarán no Teatro Colón na súa primeira visita a Galicia

por Redacción A Coruña

A popular banda de rock alternativo estará na Coruña o sábado 18 de novembro nunha das dúas únicas datas no país neste 2023

A banda estadounidense Dinosaur Jr actuarán o sábado 18 de novembro no Teatro Colón da Coruña, nunha das súas dúas únicas actuacións en España neste ano 2023. O Goberno de Inés Rey aposta deste xeito por unha selecta programación musical nos espazos municipais como o Teatro Colón.

As entradas para esta actuación xa están á venda desde 25 euros, máis gastos de xestión, a través de Ataquilla e dos despachos de billetes do Teatro Colón e da praza de Ourense. Dinosaur Jr está presentando o seu último traballo, publicado na primavera de 2021, ‘Sweep In Into Space’. Trátase do seu décimo segundo disco de estudio, o quinto desde o seu retorno aos escenarios no 2007.

A banda formada por J Marcis, Lou Barlow e Murph é un dos grandes referentes do rock alternativo americano, ao nivel doutras grandes formacións como Sonic Youth ou Pixies, que tamén visitaron a cidade recentemente. Dinosaur Jr contan cun estilo no que mesturan grunge, rock alternativo ou noisepop.

A banda visitará por primeira vez Galicia cun concerto máis íntimo do que acostuman, nun Teatro Colón que, previsiblemente, esgotará os billetes en próximas datas. O Concello da Coruña, a través da súa área de Fomento e Promoción da Cidade, amosa deste xeito o seu compromiso coa programación de eventos únicos e de renome durante todo o ano, aproveitando a súa extensa rede de espazos culturais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario