Julio Torrado acusa á Consellería do Mar de “negar a realidade” e estar máis preocupados de “outros asuntos” que de atopar solucións para axudar ao sector
O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe que a Xunta leva xa 8 meses negándose a abonarlle as axudas aos mariscadores afectados polo paro decretado en xaneiro pola Consellería do Mar. Torrado presentou unha pregunta en Comisión na que criticou a “desidia” dunha Xunta que nega a caída de produción marisqueira para evitar ofrecer solucións.
O parlamentario socialista lembrou que a administración galega abriu a liña de axudas catro meses despois do paro, e un mes antes das eleccións municipais, “como se os afectados tivesen a posibilidade de esperar tanto tempo sen axudas económicas de ningún tipo”. O deputado destacou que “non se trata de contestarlle ao Partido Socialista se non de resolver o problema” xa que oito meses sen ter a capacidade de responder “é unha demora inxustificable”.
Explicou que a Xunta decretou o paro en xaneiro, pero ata abril non emitiron a orde que o regulaba, “tres longos meses nos que o marisqueo viviu nunha incerteza”. Tras ser publicadas, semanas antes das eleccións municipais, o sector tivo de marxe ata 2 de xullo para solicitar e presentar toda a documentación, “e dende entón que volveu a desaparecer a información e non existe concreción nin ningún dato sobre o que vai suceder, nin cando”, concluíu Torrado.
O representante socialista quixo denunciar o “desapego da realidade” do goberno galego, que pide non falar da problemática do marisqueo para evadir as solucións necesarias e non asumir o problema. Acusou á Xunta de darlle máis valor á pelexa polo relato parlamentario que a produción marisqueira, algo que considera “non debería ser así”. “Decretar un paro pola imposibilidade de extracción recoñece un problema que a Xunta nega”, concluíu.
Lembrou ademais que a administración «tras dicir que foi culpa de que non había informes suficientes» e que os solicitantes cometeran erros, agora a Consellería afirma que as solicitudes están resoltas dende finais de agosto, pero a realidade é que «non se sabe nada diso e non se cobraron aínda. O deputado emprazou á Xunta a «traballar algo máis que o xastre de Tarzán».
Apuntou que a Xunta, quen é a responsable de decretar o paro, de convocar as axudas e de resolvelas, está a provocar unha enorme inseguridade no sector que, ao problema da perda de produción das rías sobre a que o goberno galego non actúa decididamente, ten que sumar a letanía dos procedementos e a demora inxustificada.
Caída da produción
Pola súa banda, sinalou que o grave problema do sector marisqueiro de Galicia está na evidente caída de produción dos últimos anos e merece unha “intervención clara e con decisión de calado” sobre a situación das rías. Insistiu en que esta difícil situación para os mariscadores precisa visión e claridade por parte do organismo máximo responsable como é o goberno de Galicia.
Torrado sinalou que unha das graves consecuencias que trae a perda de produción nótase claramente nas épocas de libre marisqueo, onde a cantidade de produto está a ser cada vez menor e atópanse escenarios que precisan de peches anticipados e de necesidades de vedas para buscar a rexeneración, e por este motivo tivo que decretarse o paro da actividade extractiva.