Rubén Arroxo: “Un ano máis, permitiremos que os distintos locais de hostalería vendan o polbo nas rúas de Lugo”
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo autorizará aos distintos locais de hostalería da cidade a instalación de caldeiros na rúa para vender polbo durante o San Froilán. Arroxo explicou que «atendemos unha solicitude das e dos hostaleiros de Lugo para repetir unha iniciativa que cada ano goza dun enorme éxito».
Os locais de hostalería interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 25 de setembro, cumprimentando o formulario que se pode atopar na web do Concello e presentando a documentación necesaria. Unha vez aprobada a solicitude, os caldeiros poderán estar en funcionamento entre o 4 e o 12 de outubro.
Primeiros concertos anunciados
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, confirmou os dous primeiros concertos para esta edición do San Froilán. O son cubano de Elíades Ochoa e o rock de Ciudad Jara son as dúas primeiras confirmacións do San Froilán 2023, «a gran festa do outono galego que contará cun programa extenso para que todas as veciñas de Lugo conten con actividades do seu gusto», afirmou Maite Ferreiro
- Elíades Ochoa, 25 anos de Buena Vista Social Club, xoves 5 de outubro ás 22:00 na praza Horta do Seminario
Eliades Ochoa está considerado coma un dos «soneros» máis importantes de todos os tempos, un notable defensor da música tradicional cubana e o mellor guitarrista da súa xeración. O seu característico sombreiro de vaqueiro e o seu gusto polo vestir de negro fan que sexa coñecido como o Johnny Cash de Cuba.
Aínda que xa tíña unha carreira consolidada, dende a publicación do icónico álbum Buena Vista Social Club no 1997, producido por Ry Cooder, a súa vida cambiaría para sempre como para sempre cambiou a historia musical de Cuba. A súa interpretación de temas como Chan Chan, El Cuarto de Tula, El Carretero, o Ay Candela disparou o seu éxito internacional, as súas xiras por todo o mundo e as súas colaboracións con artistas de prestixio como Bumbury, Aute, Jarabe de Palo, Pablo Milanés ou C. Tangana.
Este ano 2023, acaba de publicar un novo álbum titulado Guajiro, no que colaboran Rubén Blades ou Joan As Police Woman.
- Ciudad Jara, sábado 7 de outubro ás 22:00 na praza Horta do Seminario
Ciudad Jara é un proxecto de Pablo Sánchez. O que foi durante máis de dez anos cantante, compositor e líder da banda internacionalmente coñecida como La Raíz lanzouse no 2019 cun novo proxecto. Pablo Sánchez preséntase cunha formación de rock e rodeado de músicos de primeiro nivel. O seu estilo transita de xeito fluído e natural entre as distorsións de guitarra, a poesía, a canción popular, a sátira social e a sensibilidade do cantautor. Levando ao extremo os detalles e o coidado compositivo, cantando desde a garra e a profundidade poética.
Así, a principios do 2020, Ciudad Jara estreouse publicando o seu primeiro disco: Donde nace el infarto. Un álbum con estilos coma o rock, o folk, a canción de autor e pinceladas de música electrónica.
Dous anos despois, o grupo lanzou o seu segundo disco, Cinema, do cal moitas das súas cancións se crearon durante o confinamento a causa da COVID-19, e algunhas das mesmas tratan as consecuencias da pandemia.
Por outro banda, pese á súa corta traxectoria, Ciudad Jara xa recibiu galardóns, como o «Premio Odeón a Artista Revelación Rock 2022». Ademais, foi a formación musical encargada de crear a canción orixinal da película Lucas, nominada aos Goya 2021.
Actualmente, o grupo está en plena xira La velada del lobo. Así, Ciudad Jara está a recorrer con gran aceptación todos os festivais de pop-rock e indie, como son o Granada Sound, Sonorama Ribera, FIB, Cruïlla, entre moitos outros e concertos en salas en solitario.
Nos apenas tres anos que levan no panorama musical, Ciudad Jara colaborou con artistas como Rozalén, Amaral, Delaporte, Rayden, Stay Homas, Luis e Pedro Pastor, Txarango, Mario Diaz, Antilopez, Rupatrupa.