Martín Seco denuncia” a falla de iniciativas do goberno galego” para reanudar a produción de Ferroglobe en Arteixo

por Redacción Galicia

Esíxelle á Xunta que se implique para que a fábrica poida acceder a acordos para dispor de enerxía renovable a prezos competitivos e poida reiniciar a actividade

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe á Xunta que responda diante das acusacións de Ferroglobe, que o responsabiliza do paro de actividade na factoría de Arteixo. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria para reclamarlle á Xunta que se implique e facilite o acceso da fábrica a acordos de enerxía renovable a prezos competitivos.

O responsable socialista lembra que este mesmo mes de xuño, o máximo accionista da fábrica responsabilizaba ao goberno galego deste parón na fábrica polo atasco eólico que os deixou sen o acordo de subministro de enerxía -PPA- necesario para arrancar a fábrica. Estes dependían da posta en marcha dos seus proxectos eólicos, pero en xaneiro deste ano a Xunta denegou a autorización ambiental para a súa construción logo de provocar unha tramitación apresurada.

Seco critica o “fiasco” da política industrial do goberno galego, ausente para unhas empresas que necesitan de enerxía renovable para ser competitivas, e que neste caso afecta directamente á factoría de Ferroglobe no polígono de Sabón. Esta planta levaba ata hai poucas datas, un ano cos seus tres fornos apagados e os traballadores afectados por un ERTE que afectará a un máximo do 75 por cento da xornada do seu persoal.

Esíxelle á Xunta que poña “toda a carne no asador” para que os novos proxectos ligados aos fondos Next Generation cheguen ás fábricas electrointensivas galegas e que colabore con Ferroglobe na busca de alternativas para acadar eses acordos de subministro de enerxía de cara a 2024.

Reclamoulle ao goberno galego que siga a senda marcada polo goberno central de apoio á industria electrointensiva dentro do marco europeo, como as axudas a instalacións industriais de Galicia dentro do mecanismo de compensación de CO2 no que as plantas galegas recibiron 44 millóns de euros.

Lembrou tamén os beneficios fiscais aplicados a estas industrias ou a incorporación temporal das plantas de coxeración dos grandes consumidores de gas no mecanismo de excepción ibérica ou a ampliación da exención do 80 por cento das peaxes eléctricas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario