É a primeira vez que o concello asume directamente a organización das festas, na honra da Virxe dos Remedios
O Concello de Antas de Ulla celebra os próximos días 8 e 9 de setembro, venres e sábado desta semana, as súas festas na honra da Virxe do Remedios.
A programación inclúe diferentes concertos polas noites na praza do Concello e a praza Nova de Fiadeira; a Roda; Dj Tibu; Os Parentes; Lucía Pérez, e DJ Manu GZ.
Ademais, celebraranse os tradicionais actos relixiosos; concertos das bandas de música de Antas de Ulla e As Nogais; pasarrúas; unha sesión vermú con Son’s Varadero, e haberá unha hora infantil gratuíta nas colchonetas polas tardes.
“É a primeira vez que asumimos desde o concello directamente a organización das festas, cunha programación variada para desfrutar en familia e cos amigos”, asegura a alcaldesa, Pilar García Porto, que destaca “a importancia das festas para a dinamización económica, cultural e social de Antas de Ulla”.
“Se no futuro hai algunha comisión de festas interesada na organización, contarán con toda a colaboración do concello”, engade.
O concello conta para o financiamento da programación cunha axuda importante da Deputación de Lugo, que cubre a parte máis importante dos gastos.