Os populares consideran que “utilizar a páxina web do Concello para desacreditar dunha maneira tan partidista á líder da oposición parece pouco elegante e, dende logo, pouco institucional”
O Partido Popular de Monforte de Lemos presentará unha iniciativa no próximo pleno a través da cal solicitará que a páxina web do Concello non se utilice con fins partidistas e que se elimine a nota de prensa na cal se verten ofensas cara ao traballo da portavoz popular e líder da oposición.
Durante todo o mes de agosto o río Cabe presentaba un estado preocupante para veciños e visitantes cunha gran capa de escuma que percorría o río polo seu tramo urbano. “A principios de mes a portavoz popular alertou deste suceso sen chegar a determinar de maneira fidedigna que podería ser; senón buscando chamar a atención do equipo de goberno liderado por Tomé para que, precisamente, se ocupe deste tipo de asuntos tan fundamentais para a cidade, como pode ser o estado do río”, manifestan os populares.
Dende o PP local explican que “nos alegrou que aquela nota de prensa espertase o interese do alcalde polo estado do río”. Con todo, cren que “utilizar a páxina web do Concello para desacreditar dunha maneira tan partidista á líder da oposición parece pouco elegante e, dende logo, pouco institucional”. Varela apunta que “me chaman incompetente soamente por facer o meu traballo e mesmo se menciona ao presidente do Partido Popular nacional nun asunto no que non ten nada que ver”.
A voceira popular asegura que “a realidade é que un mes despois o río segue igual”. E, tras ter acceso ao informe, a popular descobre que “o axente ambiental da Xunta de Galicia non informa de que a escuma do río sexa algo natural; e non por facer as análises que deberían facer para confirmalo, senón só polo cheiro e a textura. Pero o máis grave é que o alcalde sacaba peito asegurando que o río era seguro sen esas análises, a pesar de non ter competencia na materia”; xa que “é coñecedor de que a quen lle corresponde a autorización das zonas de baño é á consellería de Sanidade”.
Unha vez que o Grupo Municipal Popular tivo acceso a esta información, “é a nosa obriga presentar unha iniciativa onde se solicite que se deixen de utilizar as webs institucionais para desacreditar ao rival político e se utilicen precisamente para o que deben ser, informar aos cidadáns da actividade de interese do Concello, e non só para publicar notas de prensa para enxalzar ao alcalde e desacreditar á oposición”.
Ademais, solicitarase que a eliminación desa nota de prensa por “caer no insulto e na ofensa cara a un adversario que o único que fai é o seu traballo como portavoz da oposición”.