Alumnado do Campus Industrial de Ferrol presenta os seus videoxogos na feira IndieDevDay de Barcelona

por Redacción Galicia

O alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol presenta os xogos “A Bot To The Top”, “After Juice” e “Quack Time Event” na sexta edición da feira IndieDevDay de Barcelona que este ano ten lugar en La Farga de Hospitalet de Llobregat entre o 8 e o 10 de setembro. O público participante poderá visualizar os trailers e gameplays destes tres proxectos nados como Traballos Fin de Máster no stand da Universidade da Coruña.

“A Bot To The Top” é un videoxogo de plataformas táctico 2.5D no que o xogador ou xogadora controla un robot a través dun mapa vertical polo que debe ascender planificando cada salto con antelación, evitando caer para chegar ata o cumio. Os seus autores son os estudantes do Campus Industrial de Ferrol, Boris Cisneros García, Miguel García Rivadulla, Iago Valín García, Elena Ferrera González, Daniel Cuerva Vidales, Francisco Javier Pascual Vidal, Borja Añón Lema e Alejandra Marcela Contreras Sanz.

“After Juice” é unha aventura gráfica con moito humor protagonizada por animais antropomorfos nunha noite de xoves universitario. Foi deseñada polos alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Danae Romero Sánchez, Sofía González Rodríguez, Ariadna Carla Mato Nieto, Antonio José Leis Iglesias, Pedro Hernandez Crespo, Alejandro Carpente Porral, Ramón Torres Chávez e Marcos Parada Gil.

“Quack Time Event” é un videoxogo de plataformas e quebracabezas en primeira persoa ambientado nun tempo en ruínas de onde o xogador ou xogadora terá que saír botando man dos poderes espazo-temporais que lle concede un Deus representado por un pato de goma. Detrás deste proxecto están os estudantes da Universidade da Coruña, Dominik Konrad Kwiek, María Santalla Martínez, Santiago Adrio Nieto, Antón Yáñez Souto, Carlos González Nieto, Manuel Pérez Parada, Adrián Iglesias Adrover e Patricia Couceiro Rebollo.

A feira do videoxogo independente máis grande de España

En pouco máis de cinco anos, a IndieDevDay pasou de ser un pequeno encontro de estudos independentes no Triangle de Barcelona a converterse no maior evento indie a nivel nacional reunindo na súa última edición no Casinet Cotxeres a máis de 4.300 participantes. Este ano, o evento amplía a súa duración a tres días e trasládase a un espazo moito maior, La Farga, en Hospitalet de Llobregat, con 8.500 metros cadrados. O publico asistente á feira poderá visitar 120 stands e probar un total de 170 xogos. A maiores, os estudos que presentan os seus videoxogos no evento terán a oportunidade de reunirse con distintos publishers e de participar unha feira de emprego.

Foto portada: A directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares, e a coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, acompañarán ao alumnado a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol durante a súa estadía en Hospitalet de Llobregat (Barcelona)

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario