Masterchef en branco e negro. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
Como aquela vez, naqueles tempos resesos de chistes manidos e rir as grazas por costume. O mesmo que lle pasou a Jorge Vilda, xa ex seleccionador do equipo feminino español aplaudindo a Rubiales, segundo manifestaba nas ondas dunha canle de radio: onde vas tolo, pois onde van todos. Non puido resistirse porque aplaudían case todos e tampouco ía fixarse precisamente nos que non o facían, ademais de que acababan de subirlle o soldo en riguroso directo. Unha sociedade en branco e negro á que vén de sumarse o programa «Masterchef», que por se non dera xa anteriormente mostras abondas do seu clasismo, falta de gusto e rancio humor, estreaba a nova tempada facendo chanza dos «piquitos» e de convidar a Luis Rubiales, agora mesmo querellado por agresión sexual a Jenni Hermoso, xogadora da selección e campioa do mundo recentemente. Para botar gargalladas.

Non é nada novo esa mentalidade no concurso, baste lembrar o paso por Galicia hai un par de anos, onde fixeron un teatriño co marisco e co acento galego, orixinalidade a tope de fodechinchos de manual. O que dá absoluto carraxe é que se faga desde a televisión pública, a que financiamos non precisamente para que nos insulte ou dar cabida ás nostalxias da neta do Mengele español. Co balbordo mundial desatado pola actuación do presidente da Federación Española de Fútbol, resulta incrible tan pouca sensibilidade e tal alarde de trasnoitamento, de non entender absolutamente nada, ao igual que acontecía con Carvajal, capitán da selección nacional que dicía en rolda de prensa que a el Rubiales sempre o tratara «de marabilla» e que seguro que tamén o estaba a pasar mal. Que o dela xa se vería, tampouco era para tanto. Incapaces dunha empatía que traspasou fronteiras, de asumir o avance dos tempos, de que xa non pode quedar impune ser violentada por ningún home sexa quen sexa: teu xefe, teu home, mozo, amigo….Finalmente, é á vista da repulsa xerada, os responsables de «Masterchef» acabaron desculpándose, seguramente sorprendidos de que xa non podan facerse brincadeiras nas que as mulleres son obxectos de pracer masculino como na España en branco e negro das películas de Mariano Ozores ou anuncios de coñac. A nosa loita, en cambio, seguirá sendo a toda cor. E han de ternos enfronte!
Foto. RTVE
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario