Saúde Mental FEAFES Galicia pon o foco sobre a problemática do suicidio

por Redacción Galicia

Segundo datos do IMELGA, no 2021 faleceron 331 persoas por suicidio en Galicia, unha cifra que segue a situar ao suicidio como un problema sanitario e social de considerable relevancia na nosa comunidade

O 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, sendo este, segundo a OMS, un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria.

Por iso, Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, sendo preciso traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade.

No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2021, morreron por esta causa 331 persoas (224 homes e 107 mulleres), cunha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo. A nosa comunidade ocupa o segundo lugar na taxa de suicidios en España tras Asturias, e o quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e Madrid.

En xeral, o confinamento reducira o número de suicidios no ano 2020, pero a volta á normalidade no 2021 tivo un efecto rebote cun incremento do número de suicidios. Este ano houbo 24 suicidios máis en Galicia que no anterior, demostrando que o suicidio segue a ser un problema sanitario e social de primeira orde.

En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (155), seguida de Pontevedra (92), Lugo (52) e Ourense (32). En termos relativos, a taxa de incidencia amosa que o suicidio tamén é máis relevante en Lugo (15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de A Coruña (13,07), Ourense (10,48) e Pontevedra (10,47).

Un vídeo e unha web para achegarse ao suicidio

A propósito do Día para a Prevención do Suicidio, Saúde Mental FEAFES Galicia lanza un vídeo baixo o hagstag #ConectaCoaVida que pretende romper o tabú que existe arredor desta realidade. Nel, tres persoas establecen unha interlocución con alguén que ten unha ideación suicida, trasladándolle mensaxes de apoio, comprensión e validación, animando así a falar do suicidio dun xeito responsable e a pedir axuda cando sexa preciso. O vídeo pódese ver dende o 8 de setembro en Youtube e nas distintas redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Por outra banda, a web conectacoavida.org é un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, mitos e falsas crenzas, o papel dos medios de comunicación, factores de risco e de protección, sinais de alerta, lugares aos que acudir, recursos de utilidade, etc. Con esta ferramenta preténdese sensibilizar acerca do suicidio e favorecer así a súa prevención.

Un programa para conectar coa vida

O programa “Conecta coa vida”, financiado pola Consellería de Sanidade e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, busca ofrecer información e asesoramento sobre o suicidio a toda a poboación, partindo da base de que o silencio que rodea ao suicidio produce un aumento do estigma, a desinformación, a incomprensión e dificulta o acceso ás medidas de prevención.

O obxectivo deste programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes. Deste xeito, presta especial atención aos colectivos vulnerables ou ás persoas con maior risco de desenvolver unha ideación suicida, especialmente mulleres en situación de violencia, persoas con discapacidade, persoas cun diagnóstico de saúde mental e persoas en risco de exclusión.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario