Xuventudes Socialistas: “Rueda está a un piso de converter as prazas de garaxe en vivenda”

por Redacción Galicia

Xurxo Doval, secretario xeral, cuestionou o compromiso do PP coa emancipación xuvenil «cando máis de 250 mil mozos non se poden emancipar, a política de vivenda de Rueda está máis preto de ser un tira cómica de ’13 Rue del Percebe’ que un dereito real»

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG)  critican a nova medida da Xunta que permite que os baixos comerciais poidan transformarse en vivendas residenciais mentres dende o Goberno galego deixaron de executar 7 de cada 10 euros dos orzamentos de promoción de vivenda pública no ano 2022.

Dende a organización moza tildan de hipócrita a Rueda ao vender a medida como un “impulsor da oferta” para poder abaratar os prezos do aluguer, cando en Galicia “existen máis de 30 000 pisos baleiros á espera de que a Xunta os cualifique de desocupados para que poidan entrar no mercado e ser rehabilitados”.

O secretario xeral da organización, Xurxo Doval, sinala que “esta medida o único que vai lograr é mandar aos galegos aos infernos e aos turistas aos ceos”. “Pasamos de cuestionar a habitabilidade de pisos  nos centros da cidade, a querer normalizar vivir nunha canella a pé de rúa sen luz”.

O líder socialista preguntouse “a quen serve o PP, á mocidade galega que ten que destinar o 60% dos seus aforros ao aluguer, ou aos portais de vivenda turísticos e especuladores?”. “Rueda está a un piso de converter as prazas de garaxe en vivenda”.

Finalmente, o mozo, cuestionou o compromiso do PP coa emancipación xuvenil “cando máis de 250 mil mozos non se poden emancipar, a política de vivenda de Rueda está máis preto de ser un tira cómica de ‘13 Rue del Percebe’ que un dereito real”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario