A axenda galega: as infraestruturas ferroviarias. Por Xoán Antón Pérez-Lema

por Xoán Antón Pérez-Lema

Compre continuarmos a debullar a fenda de oportunidade que a conxuntura política actual xerou a prol da axenda galega. Falamos xa de financiamento autonómico e de autogoberno e agora  correspóndelle a quenda ás infraestruturas ferroviarias. Velaí as prioridades:

1.- A conexión galega co Corredor europeo atlântico de mercadorias.

Ten dito Ana Pontón (BNG), xefa galega da oposición, que “quen non estea nas redes europeas de transporte será un cero á esquerda”. Porque en verdade quen non estea conectado á rede transeuropea de transportes, que integra nove corredores para o transporte de mercadorias e persoas, non existirá. É dicir, os portos da Coruña, Ferrol ou  Vigo non existirán na Europa, malia o esforzo investidor das últimas décadas, senón acadamos.este fulcral obxectivo conectando con León a medio do hub de Monforte de Lemos. A UE esixe o largo de vía europeo  e máis o sistema europeo de seguranza ERTMS (que tería evitado o accidente de Compostela no 2013). Galicia pode contar aqui coa alianza con Euskadi, Aquitania, Bretaña, Asturies e Cantabria nunha aposta esencial polo noso futuro.

2.- A alta velocidade con Portugal.

Portugal desbota a conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid e prioriza a liña Lisboa-Porto-Braga-Valença-Galicia, que quere rematar cara o 2030. Até de agora Pedro Sánchez, sen desbotar frontalmente esta opción, defendía, canda o Madrid económico e demais elementos do deep state, a conexión Lisboa-Madrid. O Estado español ten de facer moi pouco nestes seis ou sete anos. Só 25 kms da saída sur de Vigo e 2,5 kms da parte que lle compre da nova ponte sobre o Miño. Arestora seica  xa se está a redactar polos seus adxudicatarios o estudo informativo da devandita saída sur.

O espazo urbano entre Ferrolterra-Ortegal e Sétubal, com máis de dez millóns de habitantes, é dos tres máis poboados do Estado, canda o mediterráneo e o da rexión de Madrid. A integración deste espazo a medio da alta velocidade e a conexión dos portos da súa longa costa racharán o seu actual carácter semiperiférico no contexto europeo.

3.- Eixo Ourense-Monforte-Lugo.

A conexión ferroviaria Ourense-Monforte de Lemos-Lugo é moi importante para garantir a vertebración da Galicia interior tanto no que atinxe ás persoas viaxeiras canto ás mercadorías. Constitúe, ademais, unha infraestrutura complementaria e totalmente compatíbel co corredor europeo atlântico.

4.- Conexión A Coruña-Betanzos-Ferrol e liña Ferrol-Ribadeo

A área urbana de Ferrol precisa da súa conexión á alta velocidade que remata na Coruña e o seu porto da súa integración co Corredor atlántico europeo. Canto á conexión ferroviária da costa norte (Ferrol-Ribadeo, actualmente incomunicada de feito pola catástrofe do servizo de FEVE) constitúe unha aposta de futuro esixida polo dinamismo da economía destas bisbarras e a súa vocación transcantábrica.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario