O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe o reforzo dos recursos na saúde mental no Sergas para garantir “de maneira efectiva” o dereito á atención por medios públicos. Torrado presentou unha batería de iniciativas parlamentarias con motivo da celebración, hoxe, do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, poñendo a lupa nas eivas dos servizos de saúde mental na sanidade pública.
O responsable socialista alertou de que os estudos máis recentes sitúan a Galicia “practicamente á cabeza no número de suicidios” rexistrados, con 1 ao día, no que constitúe un “auténtico drama social”. Sen embargo, alertou de que a dotación de recursos para saúde mental resulta “paupérrima”, cunha das ratios máis baixas de profesionais por habitante en psiquiatría, psicoloxía clínica ou enfermaría especializada.
Hoxe en Galicia, explicou, a espera media para unha primeira cita en saúde mental no sistema público sitúase “no entorno dos 4 meses”, unha situación “inaceptable” que fai “irreal calquera posibilidade de ser resolutivos” logo de “anos sen recibir a atención necesaria por parte do goberno galego, responsable da xestión do sistema sanitario”.
Alerta da especial gravidade na área infanto – xuvenil, sinaladamente logo do aumento dos episodios de problemas en saúde mental en idades temperás e adolescencia detectados a fío das consecuencias da pandemia. Apunta a recentes estudos académico – profesionais que apuntan á “necesidade fundamental de incrementar recursos” na atención a estas idades.
Sen embargo, lamenta que Galicia continúe cun “rumbo errático no deseño do sistema asistencial de saúde mental”, cunha deficitaria dotación de recursos humanos, á que se lle suma a “falla de claridade dun modelo que eliminou centros psiquiátricos sen crear unha rede alternativa de espazos no territorio” que permitan atender aos casos que precisan ingreso. Critica neste sentido a negativa do goberno galego a vincular a saúde mental coa rede de atención primaria.
O parlamentario socialista reclámalle ao goberno galego o reforzo dos servizos de saúde mental, partindo da dotación dunha unidade de hospitalización infanto – xuvenil en cada área de Galicia. Ademais, lembra o acordo parlamentario aprobado en marzo de 2021 que a día de hoxe permanece incumprido polo goberno galego, e que incluía a equiparación das ratios de persoal de saúde mental de Galicia co resto de España.
Tamén esixe o cumprimento das recomendacións emitidas polo Defensor do Pobo para incrementar o control de calidade de recursos no centro psiquiátrico de Conxo, que se remontan ao ano 2018. Pide a incorporación ao Sergas dos servizo de atención a condutas aditivas, que hoxe son xestionados polos concellos, e a posta en funcionamento dunha unidade de psicoxeriatría na área sanitaria de Ourense, comprometida para fins de 2021.