O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou esta mañá o curso escolar 2023-2024 no IES Rosalía Mera da Coruña. Ao acto asistiu tamén o director do centro, Genaro García e a politóloga especialista en igualdade de xénero Priscila Retamozo, que se encargou da conferencia inaugural.
Nun ateigado salón de actos, Formoso afirmou que “o IES Rosalía Mera é un para orgullo de todos, un centro de referencia na formación profesional en Galicia, que desde hai 67 anos ofreceu oportunidades educativas e axuda para asentar as bases do futuro laboral e a mellorar a vida de varias xeracións de coruñeses”.
Remarcou que o centro “naceu cunha importante vocación social para axudar ás familias que non tiñan medios para que os seus fillos estudaran” e que “foi a casa de moitos alumnos de todos os recunchos da provincia nos tempos nos que o acceso a unha formación de calidade era case imposible para moitas familias”.