A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local en relación á eliminación dos sinais acústicos constantes dos semáforos
O Executivo coruñés alega que adoptou esta medida co obxectivo de reducir a contaminación acústica, mais -considera Avia Veira- “semella que non mediron as consecuencias” para as persoas con discapacidade visual ou con trastornos neurolóxicos que precisaban dos sinais para se orientar correctamente.
Até agora os sinais acústicos activábanse automaticamente e eran constantes. Coa mudanza introducida, só funcionarán cando se poñan en marcha a través de mandos a distancia ou mediante Bluetooth.
Mais, subliña Veira, a activación dos sinais por mandos ou a través do Bluetooth presenta problemas. Primeiro, para acceder aos mandos as persoas con discapacidade teñen que previamente se dar de alta como socias da ONCE. Segundo, as persoas usuarias de Iphone -boa parte das persoas con discapacidade visual sono polas prestacións de accesibilidade deses aparellos- teñen unha dificuldade engadida, pois neses telefones hai un sistema de desactivación do Bluetooth por seguridade. “Como van saber cando activalo se non se poden situar nin saber que teñen ao carón un paso de peóns (non sempre hai baldosas podotáctiles) ao non haber sinais acústicos constantes? Como van facer estas persoas? Teñen que estar activando a cada momento o Bluetooth?”, inquire Veira.
Por todo isto o grupo municipal do BNG, que se interesa por saber se a eliminación dos sinais acústicos foi consultada co Grupo Accesibilidade Coruña, coida que estamos perante unha medida discriminatoria que vai facer máis difícil a vida ás persoas con discapacidade visual.
“Non é de recibo a escusa da redución da contaminación acústica porque se o Goberno Local ten preocupación sobre ese asunto ten moitas outras áreas onde realmente si debe actuar e non con medidas que tornan máis difícil a autonomía das persoas con discapacidade visual ou trastornos neurolóxicos”, conclúe Veira.