O presidente da RAG recibe o alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo

por Redacción Galicia

O presidente da Real Academia Galega mantivo hoxe un encontro co alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo que visita estes días Galicia acompañado polas profesoras María Cecilia Borgo e María Victoria Beni. Víctor F. Freixanes conversou cos mozos e mozas procedentes de Buenos Aires sobre o papel da RAG, a presenza da cultura galega na diáspora arxentina e as impresións do país dos seus avós na que para moitos é a súa primeira estadía en Galicia.

O alumnado agasallou o presidente cun gravado do artista arxentino Rafael Cid e foi obsequiado cunha escolma de publicacións da Academia. A xuntanza, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane, rematou cunha interpretación de temas das Tanxugueiras por parte, nas voces, das alumnas Lourdes Gómez Bermúdez e Maite Mercado e, na coreografía, dos seus compañeiros Bautista Rojas, Nicolás Basovnik e Candela Doural Oubiña.

A recepción do presidente da RAG ao alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo é xa unha tradición. Moitos dos mozos e mozas do último curso da secundaria que cada curso visitan Galicia teñen raíces galegas, pero tamén abondan outros sen vínculos familiares con Galicia, con devanceiros procedentes dende a propia América a Asia, e que se mergullan de cheo na cultura e na lingua galega a través da súa formación neste centro educativo. Víctor F. Freixanes salientou a emoción que causa recibir os estudantes deste colexio e agradeceu o labor do profesorado que fai posible gañar para a cultura galega novas xeracións que viven á outra beira do Atlántico.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario