Voces de Holanda, Finlandia e Galicia falan mañá sobre cinema no FICBUEU

por Redacción Galicia

A directora Hanna Hovitie, a guionista Nena van Driel e o realizador Félix Brixel manterán un encontro tras a proxección das súas curtas na «Sección Oficial»

As voces de tres cineastas con películas que compiten na «Sección Oficial» do FICBUEU atoparanse mañá, a partir das 21.00 horas, nun coloquio no que falarán sobre creación cinematográfica. O encontro organizado polo Festival Internacional de Cinema de Bueu celebrarase tras a proxección das súas curtametraxes e permitirá ao público afondar nas películas e no seu proceso creativo.

Dúas das cineastas chegan do norte de Europa. Unha delas é a finlandesa Hanna Hovitie, directora e guionista de Square the Circle, unha comedia visualmente innovadora – enmarcada nun círculo en lugar do habitual cadrado fílmico– que fai autocrítica sobre o infinito, o espazo e a procrastinación nunha singular homenaxe a aquelas persoas que sinten que non pertencen. Estará acompañada no coloquio pola holandesa Nena van Driel, autora do guión de dúas das películas a concurso no certame: a que se proxectará mañá, Magma, de Luca Meisters, a historia dunha nena de 9 anos á que lle custa recoñecer a nova realidade da recente discapacidade do seu pai, e Ma mère et moi, a viaxe en coche e emocional dunha filla e a súa nai filmada por Emma Branderhorst, quen gañou na pasada edición o Premio do Público FICBUEU con Spotless.

Hovitie e Van Driel conversarán tamén co galego Félix Brixel, profesor universitario e realizador que participa no FICBUEU coa súa primeira curta profesional. Ulises, historia dun home cun severo trastorno psicomotor coidado polo seu irmán que un día decide enterrarse en vida, estivo nominado no Festival de Málaga e acadou os premios á mellor fotografía e á mellor dirección no de Cans.

Continúa tamén mañá o espazo «Cinema e Radio». O público do FICBUEU poderá asistir a partir das 18.00 horas á gravación en directo dun episodio do podcast «El Cine de LoQueYoTeDiga», que emite la Cadena SER. Dirixido por Nacho Gonzalo, o programa é un dos referentes radiofónicos de información cinematográfica en España dende hai máis de trinta anos, combinando sempre rigorosidade e entretemento. En Bueu, falará sobre o sector audiovisual e a programación do festival. A entrada é libre.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario