Luis Álvarez denuncia que o “amor low cost” da Xunta polo ensino público supuxo 1.493 profesores menos en 10 anos

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista reclámalle a Rueda que abra o diálogo para mellorar as condicións no sistema educativo, recupere os libros de texto gratuítos e implante a primeira matrícula universitaria gratuíta

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, ironizou hoxe co “amor low cost” do PP e do goberno galego polo ensino público, que supuxo en realidade a supresión de 1.493 prazas de profesorado nos últimos 10 anos e que deixa ás familias sen axuda diante do inicio de curso máis caro. Álvarez dedicou a primeira sesión de control do curso para responsabilizar ao goberno galego da “eivas históricas e recorrentes” do ensino público.

Álvarez esgrimiu facturas reais de familias galegas que teñen que pagar 300 euros para un alumno de sexto de Primaria, 378 para segundo de Secundaria ou 606 euros para unha familia con dous fillos en primeiro e terceiro de Primaria. “Esta é a realidade do sistema educativo”, dixo, pola xestión dun PP que suprimiu o sistema de gratuidade universal “eficiente” implantado polo goberno de Touriño por un modelo de “gratuidade solidaria ineficiente, máis caro e inxusto”.

O responsable socialista criticou que o PP se teña negado a pagarlle aos alumnos e alumnas de Galicia a primeira matrícula universitaria, así como a implantar un sistema complementario de bolsas de axuda aos estudos superiores. Acusou ao goberno galego de empregar datos “imprecisos” -recuperando a terminoloxía de Feijóo para xustificar mentiras- ao presumir da situación da FP, do fracaso escolar, do rateo de alumnos ou das condicións do profesorado.

Afeoulle a falla de diálogo co sector educativo, que os leva a “facer o que lles pete en cada centro e cada curso”, agrupando alumnos e pechando “centos” de aulas nos últimos anos conforme a “criterios nunca negociados nin explicitados, dando un amplo abano á arbitrariedade”. Reclamoulle que abra o diálogo co sector educativo para “negociar novas condicións” laborais para o profesorado que nunca recuperou os recortes impostos por Feijóo.

Álvarez censurou que mentres Castela e León presume de reabrir 5 centros educativos, en Galicia a norma é “recortar, recortar e recortar dereitos e posibilidades para todos e todas”. Acusou ao presidente da Xunta de facer norma da “falla de respecto” aos pais e nais con dificultades para pagar os libros de texto e aos “milleiros de profesores que ven que teñen condicións peores porque non queren falar con eles”.

Lamentou que o presidente do goberno galego respondera hoxe dos problemas do ensino público atacando politicamente ao PSdeG, que demostra a “falla de argumentos de suficiente fortaleza no ámbito educativo” dun presidente da Xunta que se ten demostrado “mediocre politicamente”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario