A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe un investimento de 239.838 euros para a subministración de novos bancos de granito e madeira tratada, así como espazos para estacionar bicicletas
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou a adxudicación dos tres lotes correspondentes ao contrato de subministración de mobiliario urbano destinado aos espazos públicos da cidade, que inclúen partidas específicas para dotar os barrios de novos bancos de pedra, bancos de madeira e aparcabicis de aceiro inoxidable.
A este respecto, e tras avaliar as ofertas presentadas tras a saída a licitación do contrato, o Goberno municipal, aprobou asignarlles o Lote 1 -subministración de bancos de pedra- e o Lote 2 -subministración de bancos de madeira- á empresa Globalia Urbanismo Integral; mentres que o Lote 3 -subministración de aparcabicis de aceiro inoxidable- será xestionado pola empresa Cimbra Contracts.
De inicio, está previsto que cada ano se acometa a colocación de 20 novos bancos de granito, outros 154 bancos de madeira -hidrófugos, e tratados especificamente con protectores funxicidas, insecticidas- e 14 novos aparcabicis de aceiro inoxidable. As súas localizacións serán determinadas polo Servizo municipal de Infraestruturas, que inspecciona distrito a distrito alí onde son máis necesarios, «un proceso no que é fundamental a interrelación constante co tecido asociativo e as propias veciñas e veciños dos barrios», expuxo a alcaldesa, Inés Rey.
O contrato de subministración de mobiliario urbano destinado aos espazos públicos da cidade, valorado en 239.838,36 euros, terá unha duración de dous anos -119.919,18 euros anuais-, prorrogables anualmente por outros tres máis.
Desta forma, o Concello dá continuidade ao plan de renovación do mobiliario urbano nos barrios da Coruña, que ten como principal obxectivo ampliar as zonas de lecer destinadas á cidadanía e conseguir unha maior calidade no uso dos espazos públicos por parte das persoas usuarias.
Novo Manual de identidade corporativa do Concello
Noutro dos puntos da orde do día, o Goberno municipal aprobou a actualización do Manual de imaxe corporativa do Concello da Coruña, que determina a marca institucional, marca corporativa e símbolo corporativo, así como os seus deseños, presentes nas diversas canles de comunicación e interacción coa cidadanía.
Neste sentido, o manual adáptase á Ordenanza reguladora do uso da lingua galega no Concello, aprobada no Pleno ordinario de xuño de 2021, e que establece o emprego e promoción do galego en todas as accións, actuacións administrativas, documentación, comunicación social e relacións coa cidadanía por parte do Concello.
«O obxectivo é modernizar a imaxe corporativa do Concello, darlle uniformidade en todas as canles municipais e facela máis visible e recoñecible, tanto para a cidadanía como a nivel institucional», valorou a alcaldesa, Inés Rey.
Balance de licenzas
Ademais, este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 25 de agosto e 7 de setembro, con 165 expedientes notificados, dos que 40 foron licenzas urbanísticas e 70 foron obras en réxime de comunicado.
A este respecto, e xa como caso particular polo volume da intervención e a súa contía, cómpre destacar a concesión de licenza para acometer melloras de eficiencia enerxética no edificio onde están situados os números 2 e 4 da rúa Wenceslao Fernández Flórez, así como os números 7 e 9 da rúa Médico Durán, correspondentes a un mesmo bloque entre o barrio da Falperra e Juan Flórez.
Segundo solicitou a mancomunidade de propietarios, está previsto que no edificio se incorporen sistemas de illamento tanto na fachada principal como nas cubertas planas, tamén nas medianeiras e nos patios interiores.
O investimento previsto nesta intervención, que afectará a unha superficie de máis de 9.000 metros cadrados, é de 2,4 millóns de euros. Unha vez que se deu luz verde á licenza para a execución dos traballos, o prazo para iniciar as obras será de seis meses, e terán que completarse nun máximo de 24.