O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a mellora abrangue toda a lonxitude da estrada, de 11,1 quilómetros, con especial incidencia nos polígonos industriais de ambos municipios e na travesía de Castro de Ribeiras de Lea
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-115, que conecta os concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei. O orzamento da actuación é de 301.500 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha dos traballos á altura do polígono industrial da Matela, en Outeiro de Rei. Explicou que a Xunta actuará nos 11,1 quilómetros de lonxitude da vía, con especial incidencia nos accesos a este parque empresarial e ao de Castro de Ribeiras de Lea, así como na travesía desta última localidade.
A obra consiste na execución de fresados localizados nas zonas deterioradas e a posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en quente a carril completo. A intervención completarase co repintado da sinalización horizontal.
Arias apuntou que todas estas medidas no seu conxunto mellorarán as prestacións da estrada en beneficio das persoas usuarias. No tocante aos prazos, sinalou que a obra comezou a principios de setembro e estase aproveitando o clima favorable para avanzar ao máximo.
Estes traballos forman parte dun contrato adxudicado en xuño por importe de 1,9 M€, que inclúe o acondicionamento doutras dúas estradas autonómicas: a LU-231, entre Friol e Palas de Rei; e a LU-232, entre Friol e Lugo. O prazo de execución é de seis meses.