Grande Amore rebenta o fastío vital con ‘II’, o seu novo disco

por Redacción Galicia

‘II’ presenta influencias que van desde o punk ata o black metal, pasando pola música industrial, todo adaptado ao formato electrónico de Grande Amore

‘II’ xa está aquí. Por fin. ‘II’ é o esperado segundo disco de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. 10 temas que non deixarán a ninguén indiferente. O éxito dos catro adiantos coñecidos ata o de agora, ‘Do meu corpo van nacer outros corpos’, ‘Pelea’, ‘Onde ela me quer levar’ e ‘Ben Sabe Dios Que O Intentei’, xa confirmou o salto de Grande Amore como artista, pero agora podemos comprobar que aínda podía ir un paso máis aló. É capaz de facer que todo salte polos aires. ‘II’, editado por Ernie Records, é un disco que engole; imposible non deixarse arrastrar.

A proposta electrónica de Grande Amore en ‘II’ abárcao todo. Rock industrial, punk, black metal… Inviable poñerlle unha soa etiqueta, todas quedan curtas. Tampouco pode compararse a nada, Grande Amore é único. Divírtese. Xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintetizadores, pon a bailar ás guitarras… E cántalle á vida; a isto que se converteu case en costumismo cotián, pero que non é outra cousa que fastío xeral. A rutina de estar cansos, de non poder máis. Toda esa rabia e ese malestar son a semente coa que rebusca en nós; represéntanos, berramos con el e fainos tolear; non podemos parar de saltar.

Nuno Pico contou con Carlangas para a produción deste traballo; eles querían facer un disco de rock, con bandas como Motorhead, Stooges ou Ramones como referentes, pero engadindo caixas de ritmos e sintetizadores; o resultado é indescritible; só cabe escoitar o disco, gritalo, bailalo, quedar a vivir nel.

As voces de ‘II’ foron gravadas por Raúl Pérez en La Mina; tamén el correu a cargo da mestura. O máster foi realizado por Cem Oral en Jammin’ Masters.

‘II’ comeza con ‘Foi todo verdá’ a modo de intro, e axiña dá paso a ‘Fumando espero’, un tema no que Grande Amore ensina as cartas; vai con todo, é unha máquina de hits e este disco é a proba definitiva.

En ‘Anos 20’, Nuno déixase a vida. «Todo é pouco, todo é demasiado» canta, e é que así sucede exactamente neste tema, que sendo enorme, queda curto. Queremos máis, e chega ‘Pelea’ para lembrarnos que «naide ten piso, naide ten traballo», que todo é unha merda, que xa está ben. Que queremos berrar. É esgotador ter que loitar por todo, é terrible ter que facelo todo o tempo. Necesitamos aire.

Grande Amore actúa como desfibrilador, e o tema ‘Indo Pa Cristo’ é a seguinte descarga eléctrica; ‘Ben Sabe Dios Que O Intentei’ é xa un himno que marcou un antes e un despois nos directos. Un subidón, lévanos ata o máis alto e ofrécenos un pouco de paz; e é aquí cando a engrenaxe do disco fai a súa maxia, porque ‘Onde Ela Me Quer Levar’ volve elevarnos. A adrenalina do amor plasmada no compás.

‘Necesito Estar Borracho’ abrázanos e acompáñanos nesa necesidade recorrente de abstraernos dunha realidade insoportable, e a auténtica psicodelia chega con ‘Do Meu Corpo Van Nacer Outros Corpos’. O broche de ouro pono ‘Eu Son A Noite’, o tema que pecha o disco. «Eu son a noite, eu son a festa» é a última frase, e serve perfectamente para resumir este traballo. ‘II’ é todo garra, pura forza.

O lanzamento de ‘II’ é un agasallo, porque é un disco capaz de redimirnos, un milagre só ao alcance de Grande Amore.

FESTA DE PRESENTACIÓN DE ‘II’ EN MALATESTA

Presentar algo así require un escenario á altura das circunstancias, e Grande Amore sábeo. Vaise liar. A Sala Malatesta (Santiago) será testemuña o vindeiro venres 22 do concerto de presentación de ‘II’, unha auténtica festa na que Nuno Pico, Clara Redondo e mariagrep farán que todo salte polos aires. Unha cita imperdible na que Meu Cariño e Andrea Piñeiro -@itasteyourflower- farán das súas ata o éxtase final. Non haberá maneira de contar o que vai pasar alí; só cabe experimentalo, vivilo, gozalo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario