Tampouco é unha sorpresa que sendo proletaria, fose espertar o aplauso do PP, que vén de votar en contra do uso das distintas línguas do Estado no Congreso español, co beneplácito do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que declaraba que iso son cuestións minoritarias e que non nos fai máis galegos andar por aí falando o idioma de Castelao, ese de quen entrega medallas cada ano, por certo, ou ser anfitrión de Almedia nas festas populares do país, ademais de convidalo á mariscada pertinente no mellor restaurante do lugar no que se atopen.
Dos mesmos que asistiran a unha manifestación en contra da língua propia, non é que agardemos milagres, pero non deixa de ser paradóxico que no mesmo día que Feijóo, nese acto de súplica a todo que se lle pon diante para que o invista presidente, reproche ao BNG a súa falta de apoio para que goberne un presidente galego. Porque aí si que tira a identidade, que sorpresa. Non é novo ese desprezo a unha língua galega baixo mínimos, que subsiste grazas ao traballo de asociacións culturais e coas institucións xeralmente dando as costas, cando non dando pulo ao seu exterminio total. Pírrica no Ensino, inexistente nos primeiros anos escolares, maltratada habitualmente nos medios de información públicos ou subvencionados, denostada e aínda considerada unha língua de segunda por unha boa parte dos propios galegos e galegas, como non ía o PP rexeitar a súa visibilidade nun ámbito que abarca territorio fóra da propia Galicia. Non se vaia saber que aquí temos máis idioma que o castelán! Língua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque sí, porque me gusta me peta e quero e dá a gaña…Celso Emilio Ferreiro quizais non se sorprendería do desleixo nin da soberbia dos ruins e poderosos, mais aínda así doe ter que seguir agardando deitados fronte ao mar a que sigamos sendo galegos por obra e graza do idioma.