Mar de Mares estrea na súa décima edición un foro de debate e encontro entre diversos sectores da economía do mar

por Redacción A Coruña

Mar de Mares converterá A Coruña na capital mundial da divulgación do medio mariño

O Festival Mar de Mares, que se celebrará na Coruña desde o vindeiro xoves 21 de setembro ata o domingo 24, chega á súa décima edición cunha ambiciosa programación. Unha das grandes apostas protagonista neste décimo aniversario é a estrea do I Foro Mar de Mares. Un espazo de reflexión e debate que terá lugar o venres 22 de setembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, na sede de AFundación (Cantón Grande, 8).

Baixo o lema “O mar é futuro”, o I Foro Mar de Mares busca ser un lugar de debate e encontro entre diversos sectores da economía do mar. Nesta xornada debaterase sobre os usos futuros do mar, presentarase o océano como xerador dunha economía azul e sostible, expoñeranse modelos de cidades costeiras nas que o mar adquire un maior protagonismo e falarase do papel dos ríos nas urbes como rexeneradores do medio ambiente e impulsores dunha cidade más amable.

Organizado en colaboración co Concello da Coruña, Abanca e a Cátedra Emalcsa-UDC, o encontro constará de tres mesas redondas e contará coa participación de técnicos especialistas en distintas materias do sector, científicos, empresarios e traballadores do mar, co fin de destacar o valor e o potencial que teñen as zonas de costa. O principal obxectivo desta nova acción do Festival Mar de Mares é dar voz a todos os implicados na economía mariña e xerar un debate sobre os usos do mar. Ademáis, daranse a coñecer as novas oportunidades económicas relacionadas cos océanos e se presentarán novos proxectos urbanos en relación co mar. Unha actividade dirixida tanto a profesionais do sector marítimo e científicos mariños, como a estudantes universitarios e público xeneral. Todos aqueles interesados en asistir poden inscribirse na web oficial do Festival de maneira gratuíta.

“Economía azul; o mar é emprego” será o tema principal da primeira mesa redonda, que terá lugar ás 10.00 horas, e na que diversas empresas de ámbito mariño falarán das oportunidades que ofrece o mar en cuestións laborais. Desde a aposta pola pesca artesanal ata a investigación ou a innovación gastronómica. Neste encontro participará como especialista en exportación, Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa e no ámbito da innovación gastronómica contarase con Antonio Muiños, CEO de Portomuiños. Como experta en investigación estará Sandra Rellá Piñeiro, do departamento de I+D de Anfaco, e pola parte de servizos, Laura Fernández, de I+D de Gabadi. As ponencias estarán moderadas por Javier Fraga, director de Abancamar.

Posteriormente celebrarase, ás 11.30 horas, a segunda quenda de relatorios, baixo o título “Un mar para todos? Os usos do mar trala aprobación dos POEMs”, na que os expertos falarán sobre como nos vindeiros anos veremos transformada a paisaxe de moitas zonas marítimas do noso territorio. O mar galego albergará case a metade dos parques eólicos e debateremos sobre o impacto que eso terá noutros ámbitos como a pesca e o medio ambiente. Para tratar todas estas cuestións contarase con Torcuato Teixeira, voceiro da plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños; Enrique Faragó, director de portfolio de IBerblue Wind, e o enxeñeiro náutico e biólogo mariño Iván García, de Bimartabra. Ademáis, a mesa contará con Marta García, da UDC (Observatorio do Litoral), como moderadora.

Por último, a terceira mesa, “Ríos urbanos, recuperando as ribeiras para as cidades”, que terá lugar ás 12.30 horas, basearase en reflexións sobre a posibilidade de gozar de camiños fluviais esquecidos, practicar deportes acuáticos, contar con máis espazos de natureza no corazón das cidades, aproveitar o valor das ribeiras como elemento básico da calidade da auga ou recuperar a memoria de cidades nas que os ríos quedaron enterrados ou desviados. A recuperación dos ríos urbanos é unha tendencia en alza e para analizala contarase con expertos de distintas cidades, Coruña entre elas, para que expoñan a súa experiencia. Figuran entre eles Cinta Luengo, da Fundación Biodiversidad; Laura Fernández, de Augas de Galicia; Manuel Fontán, do Concello de Pontevedra; Amal Nnechachi, do proxecto Monriver e Jerónimo Puertas, do Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, como moderador.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario