Noa Díaz denuncia “favoritismo e discriminación” por parte da Xunta no reparto de axudas aos festivais de cinema

por Redacción Ourense

Censura que o Festival de Cine de Ourense absorba 160.000 euros de axudas directas mentres tódolos demais teñen que competir por un total de 225.000

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, denunciou hoxe “favoritismo e discriminación” por parte da Xunta no reparto de axudas aos festivais de cinema de Galicia. A parlamentaria socialista presentou unha pregunta na Comisión de Cultura do Parlamento na que constatou que o certame ourensá recibiu 160.000 euros en axudas directas dende a Axencia Galega de Turismo e o Agadic.

Díaz acusou ao goberno galego de “favorecer a uns festivais sobre outros”, sinalando o caso concreto do certame de Ourense, que recibe axudas directas, mentres o resto dos festivais teñen que competir por un total de 225.000 euros, por debaixo dos 300.000 euros que orzamentaba o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño hai agora 14 anos.

A parlamentaria socialista reclamoulle ao máximo responsable da Axencia Galega de Industrias Culturais -Agadic- que explique por que este certame recibe por si só 60.000 euros deste departamento -aos que hai que sumarlle outros 100.000 procedentes da Axencia Galega de Turismo-. Esta cifra por si soa supera en moito, explicou, aos 45.000 euros de tope aos que poden aspirar os demais certames que compiten polas axudas en concorrencia competitiva.

A responsable socialista defendeu o apoio aos festivais de cinema, pero criticou a forma de proceder “escura, opaca, incomprensible, inxustificable e inexplicable” do goberno galego, que está a provocar un “agravio brutal” co resto dos certames, xerando unha “anomalía que prexudica ao conxunto de festivais”.

Cualificou de “insulto” que o goberno galego se escude na falla de orzamento para non incrementar a partida global, así como que falen de “equilibro territorial” cando precisamente en Ourense hai outros dous festivais que “non reciben axudas” directas. Lembrou que o certame que si axudan comezou sendo amparado polo Concello e agora é financiado tamén dende a Deputación Provincial, ademais do orzamento que recibe do goberno galego.

Noa Díaz citou o informe do colectivo Proxecta, que apunta a que a Xunta está a asumir o 41 por cento do financiamento total deste festival de cinema, unha aportación que supera en moito ao 13 por cento que aporta aos outros 18 festivais, ademais de que no resto dos casos o fai en concorrencia competitiva.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario