O BNG demanda ao MITMA que cumpra os prazos de remate da A-54 e «non haxa máis retrasos»

por Redacción Galicia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiu varias preguntas ao Ministerio de Transportes para demandarlle a finalización do tramo da A-54, Palas de Rei-Melide a finais deste ano, como se comprometera.

Asemade, tamén pide axilidade para a execución do tramo Melide-Arzúa. «Os dous tramos adoecen dun ritmo que fai dubidar das datas comprometidas polo Ministerio, quen aseguraba que en decembro de 2023 estaría rematado o primeiro tramo, e ao longo de 2024 o segundo», sinala Néstor Rego.

«Non son de recibo máis retrasos»

O deputado do BNG considera que «non son de recibo máis retrasos cunha infraestrutura vial que acumula máis de dúas décadas de tramitacións, demoras, paralizacións, problemas e aínda non chegou á meta final». Critica que a súa construción «se convertise nunha carreira de obstáculos con datas de remate que sempre fican adiadas».

Rego pón de manifesto o labor de control que o BNG «leva feito ao longo dos anos en relación á autovía Lugo-Santiago. Xusto hai un ano, preguntábamos ao Ministerio polas datas concretas de remate dos dous tramos. Somos conscientes de que xurdiron dificultades como a aparición dos restos arqueolóxicos. Ou do problema suscitado co retraqueo do regato Ladrón en Arzúa que levou a disputas entre a Xunta e o Ministerio, co conseguinte parón das obras. Mais, non se xustifican paralizacións que se alongan no tempo».

O parlamentar do BNG quer saber cal é o estado de execución do viaduto de Pambre e cando estará rematado. Así como o enlace con Melide.

Considera Rego que «o ritmo parsimonioso co que se están a desenvolver as actuacións, abre serios interrogantes sobre a data de remate da Autovía en 2024. É importante que o Ministerio garanta os prazos e non se vaia a máis retrasos», e empraza ao Ministerio a dar cumprimento aos prazos temporais marcados.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario