PSdeG: “O anuncio das axudas para material deportivo feito por Rueda marca o inicio da súa campaña electoral”

por Redacción Galicia

O vicevoceiro do Grupo Socialista, Julio Torrado, considera que o anuncio de Rueda coas axudas para material deportivo é o inicio da súa campaña electoral de cara ás autonómicas e a mostra de que “está pensando noutras cousas e el da por amortizado xa a súa etapa como presidente”.

Ante o anuncio realizado este luns polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que prometeu axudas para a compra de material deportivo para todos os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idade, os socialistas consideran que dende o PP comezaron a campaña electoral. Comparan esta medida coa da gratuidade dos libros de texto que instaurou o executivo dirixido por Pérez Touriño, e que retirou nada máis chegar a San Caetano o goberno de Núñez Feijóo, co propio Rueda como vicepresidente.

Torrado entende que hai unha clara falta de coherencia, xa que os mesmos argumentos que empregaban os populares naquel momento poderían esgrimirse neste caso. Recorda que botaron esta medida para atrás apoiándose en que “non se lle podía dar a mesma axuda pública a uns que a outros e que había que facelo en función da renda” ou co que Torrado entende como “demagoxia” ao sinalar dende o PP que “non se podía pagar o mesmo aos fillos dun gran empresario que aos fillos dun traballador”.

O representante socialista apuntou que “parece que se esqueceron da defensa da súa propia idea e agora si que neste apunte electoralista e nesta campaña electoral do señor Rueda vale todo, porque cando non hai ningún criterio, valen todos os criterios”.

Así mesmo, referiuse á realización do evento en si, o cal cualificou como “acto pomposo de fastos”, asegurando que xa é unha tendencia por parte de Alfonso Rueda a de “facer actos de moito marketing e moita pompa”, que “empezan a ter ademais un carácter moito máis electoralista que de xestión”, polo que entende que dende o PP galego poden estar preparándose para un novo escenario.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario