A ruta de peregrinación atrae sobre todo a grupos organizados que combinan o Camiño con outros atractivos do xeodestino, como a súa gastronomía, as visitas guiadas e o turismo náutico
O Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia continúa medrando en cifras e en boas sensacións. Así, nestes meses de verán rexistrouse un significativo incremento no número de peregrinos que escollen esta ruta, que visitan a comarca especialmente en grandes grupos organizados e procedentes de distintos puntos de España.
Uns visitantes que destacan a calidade da experiencia como o aspecto diferencial desta ruta de peregrinación con respecto a outros Camiños oficiais. “O certo é que estamos rexistrando comentarios moi bos por parte das persoas que nos visitan e son moitos os que anuncian a súa volta ben con outros grupos, ben para descubrir outros tesouros da nosa ría de Muros Noia”, explica Teresa Villaverde, presidenta da Asociación Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia.
É o caso dun grupo organizado procedente de Ronquillo (Sevilla), que quedou namorado das paisaxes da comarca o pasado mes de agosto, especialmente da Fervenza de Toxosoutos (Lousame), e que xa anunciaron que organizarán unha segunda visita o ano que vén, posiblemente acompañados por un grupo de marcha nórdica sevillano. Outro exemplo foi a visita dun grupo de 25 autocaravanas da sección de A Coruña do Caravaning Club Galicia, que fixeron a súa peregrinación a principios de setembro e que xa anunciaron o seu interese pola versión do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia. “O boca a orella está sendo un dos principais medios de difusión do noso Camiño e do conxunto da oferta turística do xeodestino”, apunta Villaverde Pais.
Porque o peregrino que realiza o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia está máis pendente de desfrutar do propio Camiño e das riquezas gastronómicas, paisaxísticas e culturais que ten que ofrecer cada localidade, que da chegada a Compostela e a obtención dun documento acreditativo.
De feito, son maioría as persoas que non piden documentación ou credencial algunha e prefiren desfrutar da experiencia, moitos deles incluso adaptando a lonxitude e a duración das etapas aos seus gustos e intereses. “O que máis nos satisfai é que todas as persoas destacan o atractivo do Camiño e as espectaculares paisaxes polas que atravesa, o que refrenda o bo traballo conxunto realizado por todos os municipios que compoñen a Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia á hora de delimitar o trazado desta ruta xacobea”, sinala Teresa Villaverde.