Luis Álvarez: “A campaña electoral de Rueda vai custar aos galegos unha auténtica millonada”

por Redacción Galicia

Non entende como o PP opúxose á recuperación da gratuidade dos libros de texto e agora impulsan o gasto de 16 millóns de euros en material deportivo independentemente da renda

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu este martes de que “a campaña electoral de Rueda vai custar aos galegos unha auténtica millonada” se continúa a senda marcada o luns co anuncio de axudas por material deportivo por un valor de 16 millóns de euros.

O representante socialista compareceu logo da xunta de portavoces do Parlamento de Galicia na que se decidiron os asuntos a tratar no pleno da vindeira semana. Álvarez destacou principalmente a pregunta que fará ao presidente da Xunta sobre as medidas a tomar por parte do seu goberno para axudar ás familias a facer fronte ás súas necesidades.

Esta cuestión ven a colación do anuncio feito polo propio Rueda este luns, pero tamén no relativo á negativa do grupo popular a recuperar a gratuidade universal dos libros de texto de cara a este curso escolar, medida impulsada polo executivo do socialista Pérez Touriño que retirou Feijóo nada máis chegar á Xunta.

Álvarez preguntouse “como é posible que a semana pasada votaran en contra de restaurar un sistema de gratuidade dos libros de texto e agora vaian a gastar 16 millóns de euros en axudas para material deportivo?”. Axudas que recordou son “para todo o mundo, para as familias que teñen unha renda anual de 12.000 euros e as que teñen unha renda anual de 120.000 euros”.

Dende as filas socialistas dan por feito que con este anuncio se inicia a campaña de Alfonso Rueda de cara ás eleccións autonómicas, polo que se lamentan de que de seguir na mesma liña, van a ser moitos os anuncios deste tipo e vai a ser moi alto o prezo a pagar dende as arcas públicas galegas.

Outro dos asuntos que levarán a pleno os socialistas é o relativo ás infraestruturas estatais, en concreto os esforzos a facer dende a Xunta para acelerar a súa construción. Álvarez referiuse nomeadamente á A-54, polo que lembrou que cando houbo un goberno popular en Madrid, o PP non apoiou ás iniciativas socialistas que reclamaban maior celeridade nas obras. Na sesión plenaria interpelarán ao executivo autonómico para que explique en concreto se actuaron con “eficacia e eficiencia” no relativo á tramitación dunha licencia de Augas de Galicia paralizada durante meses que paralizou as obras da A-54.

A política social tamén estará no foco de discusión a vindeira semana, es especial no relativo á programación das inspeccións que entrou en polémica despois de que saltara a nova durante o verán de supostas filtracións aos centros privados sobre as datas das inspeccións, polo que piden unha investigación “rigorosa, exhaustiva e neutral” ante este asunto. Así mesmo, os socialistas tamén reclamarán que se incremente “de forma significativa” o número de inspectores, especialemente os que acuden a centros de maiores e de persoas con discapacidade.

Luis Álvarez tamén expuxo a necesidade de que a Xunta dea explicacións no campo da construción da vivenda pública, “unha materia extraordinariamente sensible” para os socialistas ante a actual crise de prezos do sector do alugueiro que afecta especialmente á emancipación da xente moza. Resalta que o goberno galego ten un balance moi negativo e reclamarán que leven a cabo os programas de vivenda pública, nomeadamente os de alugueiro social e eficiencia enerxética dos edificios.

No relativo á política de formación para emprego denuncian que se deixaron sen gastar 1.954 millóns de euros orzamentados entre o 2009 e o 2022, polo que reclaman un plan de emprego eficaz e axeitado ás necesidades do mercado de traballo galego de forma inmediata.

Outro dos aspectos a tratar no vindeiro pleno por parte do PSdeG é a política fiscal do goberno galego. Consideran necesario falar do mesmo ante o inmediato debate sobre os orzamentos de cara ao próximo ano, así como que entenden que coas rebaixas fiscais realizadas polo executivo popular, como a do imposto do patrimonio que só pagaban os que tiñan máis dun millón de euros en bens, as arcas públicas están perdendo cartos que poderían ser redistribuídos de mellor xeito entre a poboación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario