Mar de Mares organiza a IV Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus

por Redacción A Coruña

O ambientalista, explorador e protagonista dun dos encontros inspiradores desta edición, Nacho Dean, acompañará a todos os participantes nesta gran limpeza como voluntario de terra para trasladar e clasificar o lixo que se retira do mar

O Festival Mar de Mares repetirá por cuarto ano consecutivo unha das accións civís máis espectaculares, a Limpeza de Fondos Mariños. Tras os resultados obtidos coas tres limpezas de fondos anteriores no Porto da Coruña, no Parrote e no Castelo de Santo Antón, este ano Mar de Mares leva a cabo a IV Gran Limpeza de Fondos Mariños Signus, que terá lugar o domingo 24 de setembro, de 10.00 a 12.30 horas, entre o Castelo de Santo Antón e o Real Club Náutico Coruña.

Liderado por Signus Ecovalor, e baixo a dirección técnica de Buceo Galicia, nesta actividade contaremos coa presenza de decenas de mergulladores e, a carón deles, como voluntario en terra, o ambientalista, explorador e protagonista dun dos encontros exploradores desta edición, Nacho Dean, quen colaborará na recollida de residuos. Todos aqueles interesados en unirse a esta espectacular acción polos océanos poden participar como mergulladores, poñéndose en contacto con Buceo Galicia en buceo@buceogalicia.com e aquelas persoas que queran participar como voluntariado en terra poden inscribirse na web oficial do Festival. Unha actividade na que o traballo en equipo é imprescindible, coa participación duns 80 buzos en colaboración cos voluntarios de terra, encargados do traslado e clasificación do lixo que se retira do mar.

Esta limpeza de fondos mariños é unha das actividades con maior carga de activismo de toda a programación de Mar de Mares á que, ano tras ano, súmase máis xente e consegue ter un maior impacto na sociedade. Unha maneira máis de continuar esta labor de concienciación a través da visibilización dos residuos que acaban no mar. Durante os anos anteriores, nas limpezas Mar de Mares retiráronse dos fondos mariños máis de 10 toneladas de lixo entre pneumáticos, plásticos, latas, vidro, redes e cabos. Cifras preocupantes que deberían facernos reflexionar a todos. A limpeza conta coa colaboración de diferentes entidades como Buceo Galicia, Concello da Coruña, Porto da Coruña, Vegalsa-Eroski, ABANCA e a súa obra social Afundación dentro do marco do seu programa PLANCTON; Cabreiroá, Concentrix e Signus, entidade que cada ano recolle e xestiona en España 15 millóns de pneumáticos usados.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario