Cre que “non é normal que o alcalde só se preocupe de publicitarse el mesmo, pero se esqueza de arranxar as pequenas cousas cotiás dos cidadáns”
O PP de Monforte reivindicará no pleno do vindeiro luns que o alcalde de Monforte atenda ás necesidades máis cotiás dos cidadáns a través de dúas iniciativas, unha das cales está de candente actualidade na cidade.
A portavoz, Katy Varela, considera que “non é normal que o alcalde só se preocupe de publicitarse el anunciando sempre o mesmo, pero se esqueza de arranxar esas pequenas cousas que forman parte do día a día dos cidadáns”.
Por un lado, e tras visitar aos veciños das parroquias de Distriz e A Vide, o Grupo Municipal Popular pedirá no pleno que se arranxe o camiño que une ambas parroquias. Os populares poñen de manifesto que “o alcalde non mostra suficiente interese polo rural nin polas parroquias de Monforte, algo que xa reivindicamos durante a campaña”. Nese sentido, cren que “parece que diferencia entre cidadáns de primeira e de segunda”.
Por outro lado, preguntarán sobre os trámites que está a levar a cabo o alcalde para resolver o conflito que existe no novo parque inaugurado por el no centro da cidade entre os veciños que alí soltan os cans e os que consideran que non é unha práctica axeitada.
Para os populares é fundamental “aplacar os ánimos e que se poida dar unha solución de convivencia entre ambas opcións sen necesidade de que a ningún veciño lle resulte molesto”.
Por ese motivo, dende o Grupo Municipal Popular preguntarán sobre este tema, tendo en conta que “o alcalde prometeu durante a campaña electoral un recinto para poder soltar os cans, pero a polémica aínda non se solucionou”.