Xornadas de excarceración e rescate vehicular no IES Lamas de Abade

por 21 Noticias

Rechamantes xornadas formativas no IES Lamas de Abade da capital galega, onde o pasado venres se puido ver unha xornada de simulacións / adestramentos de rescate vehicular en accidentes de tráfico.

Na simulación puidemos ver un equipo de bombeiros encargados da estabilización dos vehículos e excarceración das vítimas, uns equipos de sanitarios encargados da atención inicial sanitaria e extracción das vítimas; é unhas vítimas cunhas feridas e lesións moi reais que lle deron ese punto extra de veracidade.

Estas xornadas enmárcanse na acción formativa do profesorado e alumnado do ciclo formativo de Técnico en Emerxencias Sanitarias, futuros profesionais das ambulancias do 061, transporte programado sanitario ou tele-operadores do 061 ou 112; entre outras saídas profesionais.

As xornadas contaron ca presenza de 4 bombeiros pertencentes aos consorcios provinciais contra incendios e salvamento de Galicia, que entre outras titulacións persoais tamén son Técnicos en Emerxencias Sanitarias.

Tamén se contou con dúas enfermeiras e ca práctica totalidade do profesorado do ciclo.

O evento está formado por tres xornadas, a primeira en aula, onde o persoal dos servizos de salvamento e extinción de incendios narráronlle, ao alumnado do TES, o seu facer diario, ensinaron os seus EPIS, a ferramenta hidráulica que soen utilizar para o rescate vehicular, e contaron paso por paso o procedemento de traballo dende a recepción da chamada ata a volta a base.

A segunda xornada foi a máis vistosa, tocaba a práctica! todo estaba listo para facer unhas verdadeiras recreacións de uns sinistros de tráfico. Gran parte do instituto volcouse na organización.

Simuláronse tres escenarios diferentes, con diferentes colocacións dos vehículos sinistrados e diferentes número de vítimas, ou estado físico das mesmas.

Así, tanto bombeiros como futuros TES practicaron ese traballo tan necesariamente coordinado e técnico para extraer con seguridade as vítimas tras un sinistro, co obxectivo final de formar mellores profesionais de emerxencias no desempeño das súas funcións.

As manobras foron gravadas profesionalmente para usalas posteriormente como material divulgativo e de ensinanza en futuras edicións do ciclo.

A terceira e derradeira xornada, aínda sen data, será en aula. Será a xornada máis breve e consistirá en analizar e comentar as técnicas usadas nas simulacións co fin de melloralas e comentar sensacións.

Estas xornadas que tan boa acollida tiveron foron grazas a:

O traballo conxunto dende o profesorado do ciclo que se involucrou na idea, liderado e organización do evento.

A colaboración do persoal de estética na moi realista caracterización das vítimas.

As propias vítimas, que viviron e sufriron en primeira persoa os ruídos e o trasiego que se vive nestas situación, sen deixar de facer o seu papel encomendado.

Ao traballo, a gran dedicación e a gran profesionalización dos bombeiros asistentes que se notou neste caso que é vocacional.

A cesión de forma desinteresada da casa comercial IGS do seu material de excarceración eléctrico LUKAS, apostando pola formación do persoal.

E por suposto ao enorme entusiasmo e entrega dos verdadeiros protagonistas, o alumnado de futuros técnicos en emerxencias sanitarias, que despois de este tipo de prácticas serán aínda mellores profesionais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario