O Teatro Rosalía vibrou co espectáculo de ‘Lúas de Outono’

por Redacción Galicia

Os versos de Manuel María, na voz de María Barcala, os contos do escritor da Terra Chá na narración oral de Quico Cadaval, así como a música coidada de Paraíso Canto, foron intensamente aplaudidos polo público asistente

O teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu con entusiasmo unha nova edición de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María, celebrada no serán de onte. O público que encheu o teatro, vibrou co brillante espectáculo que ofreceron a actriz María Barcala, o dramaturgo e contador Quico Cadaval e o dúo musical Paraíso Canto.

A obra de Manuel María protagonizou o inicio e o final do espectáculo, coa voz, entoación e xestos de María Barcala ao declamar a poesía do poeta e coa narración oral que Quico Cadaval fixo dalgún dos contos do propio Manuel María. Entre ambos, a delicadeza da música de Gabi Reboredo (voz, pandeiro e pandeireta) e Martiño Malleiro (clarinete e acordeón), Paraíso Canto. O público aplaudiu intensamente os artistas ao final do espectáculo, que se despediron do público asistente saudando, cada un deles, cunha rosa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario