A “emerxencia cinexética” polo xabarín evidencia o sensentido de recuperar a caza do lobo

por Redacción Galicia

«A Xunta basea na improvisación e no acientifismo a xestión da fauna salvaxe» denuncian dende ADEGA

A recentemente declarada “emerxencia cinexética temporal” en 248 concellos (o 80% de Galiza) para cazar xabarín sen límites pon de manifesto a improvisación e o desinterese da Xunta por xestionar a fauna salvaxe con criterios científicos. Aliás de carecer dun censo actualizado da poboación de porco bravo en Galiza e basearse unicamente no incremento das afeccións, a “solución final” da Xunta amosouse noutras ocasións ineficaz para controlar a poboación de xabarín, como tamén sinalaron algúns sindicatos agrarios e mesmo asociacións de cazadores.

Paralelamente, a administración galega insiste en reclamar a eliminación do estatus de protección do lobo ibérico, principal predador natural do xabarín, e incluido polo Ministerio na listaxe de especies en réxime de protección especial. A irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabarín e ao tempo pretende cazar ao lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analisar conxuntamente a situación de ambas especies en Galiza.

Onde hai lobo, non manda xabarín

Malia a que para o xabarín non existe un censo da poboación galega e só hai datos parciais e comunicacións de danos, podemos asumir (coa lóxica reserva) que naqueles concellos nos que a Xunta declarou a «emerxencia cinexética» existe unha poboación significativa ou cando menos problemática de porco bravo.

Para o lobo, o recente censo de 2021-2022 rexistrou 93 mandas reprodutoras no país que se concentran en varias áreas nas que o lobo dispón de hábitat e presas axeitadas. Ao cruzarmos os datos de presenza de grupos reprodutores de lobo cos de danos do xabarín, asumindo que estes últimos corresponden aos concellos para os que a Xunta declarou a “emerxencia cinexética”, atopamos cousas interesantes (ver mapa).

Liberalizar a caza do xabarín e pretender recuperar a do lobo é un sensentido. En xeral, obsérvase que nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo, como a Costa da Morte-Xallas (1), centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa- (2), núcleos de Ancares (3), Courel (4) e Baixa Limia (5) a Xunta non precisou declarar a “emerxencia cinexética” polo xabarín. A falta de datos científicos sobre a distribución das piaras, interaccións ecolóxicas, etc. semella claro que alí onde o lobo cría e preda no xabarín, os danos denunciados pola acción do porco bavo son menores.

Estes datos amosan con claridade dous feitos: primeiro a necesidade de contar con datos fiábeis das poboacións de xabarín, e en xeral da fauna salvaxe, para propoñer medidas e xestionar con criterios científicos as súas poboacións. E segundo, a preocupante improvisación e as contradicións da Xunta que, por unha banda, permite cazar indiscriminadamente unha especie -o xabarín- e por outra reclama “controlar” ao seu principal predador –o lobo-: Delirante!

Encher de escopetas o monte a todas horas, un risco para as persoas e o ambiente

A «emerxencia cinexética» vai supoñer a presenza de centos de armas de caza no monte sen practicamente ningún tipo de limitación e sen dúbida aumentará a probabilidade de accidentes. No monte galego sempre hai persoas: veciñanza dos lugares próximos, profesionais forestais, gandeiras, camiñantes, colleitadoras de cogomelos, deportistas… Transitar polo monte en practicamente todo o país até o 25 de febreiro vai ser xa que logo unha actividade de alto risco.

Permitir a caza fóra dos terreos cinexéticos e mesmo en espazos protexidos por parte de calquera persoa (con autorización expresa), é temerario. Nestas áreas a realización de batidas pode interferir ou alterar a dinámica ecolóxica de moitos seres vivos presentes en espazos naturais ou mesmo ser causa de mortes «accidentais» de especies protexidas, quer o lobo, o oso…

E polo que atinxe á peste porcina, outra das excusas usadas pola Xunta para declarar esta nova «emerxencia cinexética», a súa extensión non vai ser controlada con medidas como estas. Mesmo poderían contribuir a agravar o risco de dispersión deste andazo ao mover pezas abatidas de xabarín por todo o país, unicamente cunha comunicación nos 15 días posteriores á morte, e sen protocolo de bioseguridade algún.

Etiquetas , , ,
Comparte éste artículo
1 Comment