FAGAL celebra o día mundial do alzhéimer

por Redacción Galicia

A Federación Alzhéimer Galicia continúa coa campaña polo 21 de setembro día mundial do alzhéimer

Este xoves 21 de setembro, día mundial do alzhéimer, a Federación continúa a lembrar que “no alzhéimer, todos somos protagonistas” é por iso que se segue a compartir os apoios recibidos por parte de entidades, famosos, asociacións e calquera que queira unirse a nós. Ademais diso, o vídeo da campaña do día mundial segue a facerse eco mostrando as diversas caras do alzhéimer.

Estas caras foron visibles no pasado acto da Gala 25 Aniversario de FAGAL, onde a presentadora Lucía Rodríguez amenizou a velada e foi introducindo a todas as persoas que forman parte. Contamos cos discursos da Conselleira de Política Social e de Xuventude, Fabiola García, da Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e da presidenta da Federación, Isabel Gey.

Na Gala, subiron ó escenario usuarios e usuarias que quixeron reivindicar que seguen a ser moito máis que un diagnóstico, coa actuación do grupo de música tradicional de AFAMO e coa lectura dunha poesía onde nai e filla mostraron o sentimento que hai detrás da enfermidade.

Entre as actividades de concienciación, puidemos dar comezo á campaña conxunta con RENFE con carteleira nas súas estacións e trens, e coa colaboración do grupo de música galego Skarnivals, que doará todos os fondos recadados da súa camiseta solidaria a FAGAL coa estrea da canción e videoclip “Anhelos no ar”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario