A Real Academia Galega colabora na organización da VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Instituto Xeográfico Nacional, que reúne hoxe en Santiago de Compostela algúns dos maiores expertos en toponimia e cartografía do Estado para afondar na relación dos nomes de lugar e o mundo dixital
A Cidade da Cultura acolle hoxe a VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organismo do Instituto Xeográfico Nacional no que participa a Real Academia Galega xunto a outras institucións de todo o Estado. O encontro reúne en Galicia algúns dos maiores expertos en toponimia e cartografía de España. A Real Academia Galega e a Xunta de Galicia colaboran na organización da cita, que se centra na estreita relación existente entre os nomes xeográficos e mundo dixital. O programa conta con preto dun cento de persoas inscritas, moitos deles profesionais que traballan en temas relacionados con sistemas de información xeográfica e infraestruturas de datos espaciais e tamén profesores e estudantes universitarios. As sesións poden seguirse ademais en directo a través de Youtube.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou na inauguración da xornada xunto á presidenta da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, María Pardo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a presidenta da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico, Mónica Groba. Víctor F. Freixanes salientou que os nomes de lugar constitúen un importante patrimonio herdado dos devanceiros que debe ser transmitido ás novas xeracións, e lembrou que a RAG, da man do Goberno galego, puxo en marcha a plataforma Galicia Nomeada. “Esta plataforma colaborativa, da que se falará neste encontro, é unha das iniciativas máis exitosas e participativas para o coidado da nosa toponimia, que é unha das máis ricas da Península Ibérica e de Europa”, destacou.
Valentín García referiuse tamén a Galicia Nomeada como exemplo do aproveitamento das novas tecnoloxías ao servizo da preservación da toponimia nun contexto no que “hai que ser audaces e buscar a excelencia no xeito de proceder”, xa que cómpre facer fronte a varias ameazas: o despoboamento do rural, o relevo xeracional e a perda de informantes e a construción de grandes infraestruturas que poder facer que se perdan os nomes da terra.
A toponimia configúrase ademais, engadiu María Pardo, “como un instrumento fundamental nos sistemas de información xeográfica e nas aplicacións informáticas que utilizan datos xeorreferenciados, sendo un dos elementos principais de referencia para a xestión do territorio”.
Estas dúas perspectivas complementarias, a cultural e a que atinxe a xestión do territorio, están integradas na plataforma Galicia Nomeada impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. O seu coordinador técnico, o filólogo da RAG Vicente Feijoo Ares, explicou neste foro o funcionamento desta aplicación que permite, dende finais de 2019, que a cidadanía se implique na recollida e xeorreferenciación da microtoponimia do país. Na actualidade suma máis de 65.000 microtopónimos, nomes de leiras, regatos, fontes, devesas ou penedos achegados polos máis de 3.200 usuarios rexistrados. Moitos son persoas que participan a título individual e outros representan máis de medio cento de centros de ensino, 46 asociacións veciñais e culturais, dezaoito comunidades de montes e sete confrarías de mariñeiros, entre outros colectivos.
Os 65.000 microtopónimos recollidos pola cidadanía súmanse aos máis de medio millón de nomes de lugar xeolocalizados que se poden consultar no visor de Galicia Nomeada, dispoñible tanto na aplicación da plataforma coma na versión web do portal Toponimia de Galicia.
Cartografía dixital
Alén da presentación de proxectos como Galicia Nomeada, a xornada está a permitir a posta en común dos traballos que dende o Instituto Xeográfico Nacional se están a desenvolver en colaboración coas comunidades autónomas para elaborar o Nomenclátor Xeográfico de España adaptado á normativa europea, onde cada topónimo que forma parte desta cartografía dixital debe estar normalizado seguindo uns criterios comúns para todas as partes. Angélica Castaño Suárez, do Instituto Xeográfico Nacional, abriu a quenda de relatorios coa presentación do novo visor de dito nomenclátor, unha tarefa que levou a cabo o Instituto Xeográfico Nacional conxuntamente coa Comisión Especializada en Nomes Xeográficos para cumprir coa normativa vixente marcada pola UE para as infraestruturas de datos espaciais. Esta ferramenta contribuirá á correcta difusión da toponimia oficial e normalizada.
Oihana Mitxelena, da Deputación Foral de Gipuzkoa, referiuse deseguido ao gran reto que supuxo a automatización da rotulación dos nomes de lugar dentro da xeración de cartografía automática do Instituto Xeográfico Nacional, especialmente nun contorno bilingüe como é o País Vasco, onde xurdiron situacións específicas que aumentaron a súa complexidade.
A partir do mediodía, Maite Mollà Villaplana, da Acadèmia Valenciana de la Llengua, abrirá a segunda sesión da mañá cun relatorio que abordará a elaboración da segunda edición das Directrices toponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e outras publicacións, un texto no que participaron todos os membros da CENG. Natalia Fojo Díaz, do Instituto Nacional de Estatística, presentará pola súa banda unha achega sobre as innovacións na publicación da estatística Nomenclátor: Poboación do Padrón Continuo por unidade poboacional, entre as que destaca principalmente a infografía do Nomenclátor.
A toponimia nos mapas antigos
A mañá concluirá co relatorio de Marcos F. Pavo López, do Instituto Xeográfico Nacional, titulado A toponimia en mapas antigos como ferramenta para trazar a súa liñaxe: A transmisión do topónimo Elcano na cartografía dos séculos XVI-XVII, un percorrido sobre como a xesta do mariño guipuscoano se traduciu nun fenómeno curioso: a representación sobredimensionada da pequena poboación de Elcano nalgúns mapas dos séculos XVI e XVII, ata chegar mesmo a eclipsar a cidade moito máis relevante de Getaria, o seu auténtico lugar de nacemento.
Xa pola tarde, Juncal Mónica García Velasco, do Principado de Asturias, exporá o proceso de normalización toponímica dos nomes de concellos, capitais, parroquias e núcleos de poboación da súa rexión segundo as novas directrices para abordar a oficialización dos topónimos de accidentes xeográficos en Asturias. Continuando con esta mesma liña temática, María Teresa Garrido Borrego, do Instituto de Estatística e Cartografía de Andalucía, ofrecerá un resumo dos avances levados a cabo no Nomenclátor Xeográfico de Andalucía para inventariar, normalizar e difundir a toponimia desta comunidade.
A última intervención da xornada correrá a cargo de Eulàlia Fons Carbonell, do Institut Cartogràfic i Geogràfic de les Illes Balears, quen, continuando a liña da súas predecesoras, explicará como se realizou o Nomenclátor Xeográfico das Illes Balears, aprobado en 2021, e o visor de xestión que permite non só a consulta por parte das persoas interesadas senón tamén a súa revisión e actualización.