O Museo do Pobo Galego instala desde hoxe un libro de condolencias na memoria de Dorothé Schubarth

por Redacción Galicia

Concha Losada Vázquez, coordinadora do APOI e presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego

Como ben sabedes, no día de onte faleceu en Basel, a súa cidade de Suíza, a Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, Dorothé Schubarth. Dorothé, autora xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro da Música Popular de Galicia editado pola Fundación Barrié, fixo durante anos un inxente e marabilloso traballo relacionado coa recolla e custodia, análise e difusión do noso patrimonio musical tradicional.

Ela depositou no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego as cintas orixinais das súas recollas por todo o longo e ancho do país galego. Tamén nos deixou as súas libretas de campo, as súas notas, as súas fotografías, os relatos das viaxes e as xentes que ela coñeceu, visitou e volveu visitar na busca dunha achega profunda ao noso modo de facer música, de cantar, de vivir… pero, sobre todo, deixounos o seu exemplo de traballo, aquí a pé de nós, de tesón, de amor pola nosa música e por Galicia.

Desde hoxe, sábado, instalaremos na entrada do Museo un libro de condolencias na memoria da Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, Dorothé Schubarth, todo un exemplo de traballo, de tesón e de amor polo noso patrimonio musical tradicional.

 /><figcaption id=
Dorothe Schubarth

Esperamos que todas as xentes da música de Galicia, todas as persoas que gozastes e gozades do seu legado e que o apreciades, poidades deixar as vosas mensaxes. Estará accesible en horario de apertura do museo durante estes días.

Completarémolo tamén cun enderezo de correo, apoi@museodopobo.gal, onde recibiremos as mensaxes de quen non poida acercarse fisicamente a deixalas.

Reuniremos finalmente os documentos recibidos e faremos público o conxunto para, entre todas e todos, facer posible unha homenaxe que Dorothé merece tanto.

Agradecémosvos moi especialmente aos medios de comunicación que difundades esta mensaxe para que chegue a todos os recunchos de Galicia e que entre todos fagamos posible unha homenaxe que Dorothé merece tanto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario