O Concello da Laracha organiza unha excursión a Ferrol e San Andrés de Teixido

por Redacción A Coruña

Realizarase o martes 17 de outubro

O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida ás persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no termo municipal da Laracha.

Nesta ocasión a viaxe será dun único día, o martes 17 de outubro, e os puntos de destino, as localidades de Ferrol e San Andrés de Teixido. A saída dos autobuses está prevista para as oito da mañá desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha. Durante a xornada visitarán en Ferrol o Arsenal Militar, o museo da construción naval e o casco histórico da cidade e, en San Andrés de Teixido, ademais de coñecer os puntos máis emblemáticos da vila, as persoas que o desexen asistirán á misa que se oficiará na igrexa desa localidade.

A preinscrición deberá formalizarse o luns e o martes da próxima semana (días 25 e 26 de setembro) no edificio administrativo da Laracha. En caso de ser necesario, o sorteo das 100 prazas dispoñibles faríase o xoves (día 28).

A cota que deberán aboar os participantes é de 30 euros, que inclúe o transporte, o xantar e todas as actividades que se desenvolverán durante a viaxe.

O Concello organiza esta iniciativa como proposta lúdica, recreativa e cultural que se marca como obxectivo esencial optimizar o tempo de lecer deste colectivo, animarlles a coñecer e visitar localidades próximas e axudar a tecer relacións sociais entre os asistentes.

Cabe lembrar que do 1 ao 9 de outubro, tamén baixo a organización do Concello, farase outra excursión por Huelva, Mérida, Sevilla e Zamora dirixida ao mesmo colectivo, estando xa todas as prazas adxudicadas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario