O Grupo Socialista acusa á Xunta de “poñerse de perfil” fronte á situación dos avogados e avogadas mutualistas

por Redacción Galicia

Paloma Castro reclama apoio político para “acadar unha solución que garanta unhas pensións dignas e acordes” co traballo do colectivo

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, pediu hoxe o apoio da Xunta para acadar unha solución á situación dos avogados e avogadas mutualistas, que non poden trasladarse ao Réxime Especial de Autónomos porque non lles recoñece os anos de cotización. Castro presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que lle reclamou á Xunta de “poñerse de perfil” nesta problemática.

A responsable socialista sinalou que “non podemos quedarnos impasibles ante o gravísimo problema” de centos de avogados e avogadas en Galicia e emprazou ao goberno galego a traballar a prol do consenso, a negociación e o acordo político coa Seguridade Social, coa mutualidade e coa representación dos avogados. Castro reclamou apoio político para “acadar unha solución que garanta unhas pensións dignas e acordes” co traballo do colectivo.

Apuntou a “abrir a xanela do traslado ao réxime de autónomos”, permitindo que se incorporen á mutualidade de forma temporal e voluntaria, e habilitando a vía para recuperar as achegas con destino ao réxime de autónomos. Explicou que, tal e como está a situación actualmente, un colexiado que accedeu de forma obrigatoria á mutualidade en 1993, tras trinta anos de exercicio asumindo unha cota de 400 euros, aos 67 anos tería unha pensión de entre 490 e 890 euros.

Paloma Castro trasladou a súa solidariedade co colectivo de a vogados e avogadas mutualistas e, dixo, “entendemos que dende o ámbito político ten que brindarse este apoio e instar á Administración competente a acadar unha solución que garanta unhas pensións de xubilación dignas e acordes coa entrega e a lealdade da avogacía”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario