Adxudicadas 64 parcelas nas novas hortas urbanas do parque Adolfo Suárez 

por Redacción A Coruña

Logo do prazo de alegacións, abrirase unha nova quenda de inscricións para as 23 hortas e 4 mesas de cultivo aínda dispoñibles

O Concello da Coruña vén de adxudicar 64 parcelas do novo espazo de hortas urbanas no parque Adolfo Suárez. En total, recibírose 116 solicitudes de persoas físicas e asociacións ou entidades das cales 52 foron rexeitadas por atoparse fóra de prazo ou non cumplir os requisitos establecidos na convocatoria.

Das parcelas adxudicadas, 62 pertencen a persoas físicas e 2 a asociacións ou entidades da cidade. Logo do prazo de alegacións, que ten unha duración de 10 días hábiles dende o día posterior da súa publicación na web do Concello, abrirase unha nova quenda de inscricións para as 23 hortas e 4 mesas de cultivo que non foron adxudicadas nesta quenda e que fican dispoñibles.

Este novo espazo de ecohortas no parque Adolfo Suárez, en San Pedro de Visma, foi posto en marcha polo Goberno de Inés Rey no pasado mandato e contou cun investimento de 305.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER. O vindeiro día 26 procederase ao desbroce e preparación das hortas para que os novos usuarios poidan empezar a traballar nelas en condicións óptimas. Á de Visma súmanse ás hortas urbanas xa existentes nos barrios da Agra do Orzán, Novo Mesoiro e Eirís ofertando un total de 318 parcelas individuais, 24 mesas de cultivo individuais, 4 parcelas de uso común e 4 mesas de cultivo.

O novo espazo de ecohortas do parque de Adolfo Suárez suma unha superficie de 4.478 metros cadrados, con 28 metros cadrados de superficie por parcela, e está adaptado para as usuarias e usuarios con mobilidade reducida. A autorización de uso do espazo rematará para todas as ecohortas o 9 de maio do 2026.

Servizos dispoñibles

O espazo conta con iluminación nos principais percorridos de acceso e paso das persoas usuaria así como a de tomas de auga compartidas para cada dúas unidades de terreo. Durante as obras instalouse, ademais, unha edificación auxiliar de 91 metros cadrados destinada a usos veciñais, así como para almacenar o material comunitario, obxectos persoais e de aseo.

Tamén conta cunha pía para o lavado de calzado, ferramentas e vexetais, un composteiro común, un xardín de plantas aromáticas e tamén se reservou o espazo preciso para crear, nunha seguinte fase, un invernadoiro que tería a función de sementeiro colectivo para as persoas usuarias das hortas urbanas do parque.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario