Nostián: Os datos para 2022 confirman a superioridade do modelo húmido-seco fronte ao colector amarelo

por Redacción A Coruña

Co colector amarelo, SOGAMA conseguiu recuperar 7,7 kg de residuos de envases por habitante, fronte aos 30 kg por habitante de Nostián

«ADEGA lamenta as informacións vertidas aos medios de comunicación a pasada semana pola Xunta de Galiza e o Concello da Coruña polas que terían chegado a un acordo para a implantación do quinto colector ou colector amarelo para os residuos de envases, abandonando así o modelo húmido-seco propio da comarca coruñesa e As Mariñas» informan.

«Entendemos que a cesión do goberno municipal da Coruña débese ás fortes presións das que está sendo obxecto, tanto polo goberno central como polo autonómico, que sen dúbida canalizan os intereses de terceiras partes como son SOGAMA (participada por Naturgy) e sobre todo Ecoembes, entidade supostamente sen ánimo de lucro, mais que serve aos intereses das grandes empresas envasadoras e fabricantes de envases. Unha decisión que, de ser definitiva, vai en contra tanto dos intereses ambientais e económicos da cidadanía e que marxina aos demais concellos usuarios de Nostián» aseguran.

Recuperación de materiais obxecto do colector amarelo (suma de polietileno de alta e baixa densidade, PET, plástico mesturado, aceiro, aluminio e brics) nos modelos SOGAMA e Nostián.

Precisamente, este suposto acordo ou avance de acordo coñécese cando acaba de saír a exposición pública o borrador do novo plan de residuos municipais de Galiza (PXRMG) da man da Xunta. A documentación do plan pon de manifesto esas presións, pois mentres SOGAMA pide máis incineración, Ecoembes esixe “non incorporar ao fluxo de envases domésticos certos materiais”, en clara alusión ao modelo húmido-seco. Así as cousas, o PXRMG avanza o inminente abandono do sistema húmido-seco, o que levaría a medio prazo a unificar o modelo de Nostián co de SOGAMA, servindo aos intereses desta de garantirlle suficiente oferta de residuos para a incineradora. Todo isto nun escenario futuro no que a incineración ten cada vez menos cabida, ante os obxectivos xa imperativos de prevención, reutilización e reciclaxe.

Interpretación nesgada da lei e desprezo das vantaxes do modelo húmido-seco

«Sen dúbida, estanse a esgrimir as esixencias da Lei de residuos de 2022 (Directivas europeas de 2018) para forzar o abandono do modelo húmido-seco, a través dunha interpretación interesada do seu contido, ao mesmo tempo que se fai caso omiso dos resultados que esas leis procuran. Non se poden ocultar os maiores beneficios ambientais do modelo Nostián, comparado co de SOGAMA, aínda que pouco ou nada se fale deles neste debate. O propio PXRMG ten que recoñecer que a recollida separada co modelo húmido-seco atinxiu en 2021 no ámbito Nostián os 124 kg/hab/ano fronte aos 47 kg/hab/ano do ámbito SOGAMA (Táboa 14, do PXRMG). Recoñece tamén que a valorización material (reciclaxe) atinxe na planta de Nostián ao 40% dos residuos recibidos fronte ao 7% na de SOGAMA! (Táboa 18 do PXRMG)».

«A pesar de recoñecer estes resultados, que mostran con toda claridade como Nostián multiplica de 3 a 5 veces os resultados de SOGAMA en recuperación de materiais, a Xunta non ve inconveniente en perseguir o modelo húmido-seco para xeneralizar aquel que da man de Fenosa e Ecoembes elixiron hai xa dúas décadas. En 2019 elaborouse unha estratexia galega de economía circular, coa participación das universidades, que na súa Proposta 8.1.2 solicitaba “estudos de xerarquía, ciclo de vida e custo-beneficio na xestión de residuos”, en particular para os modelos de recollida separada existentes, pois avaliaba o modelo maioritario (colector amarelo, e tamén papel/cartón) como moi deficitarios. Eses estudos non se levaron a cabo, prevéndoos agora o PXRMG, pero encargándose antes de eliminar un modelo que, a pesar das súas limitacións e necesarias melloras, veu sendo a todas luces mellor que o de SOGAMA».

A Xunta segue desbaldindo as arcas públicas no modelo fracasado de SOGAMA

«Tamén se coñece este anuncio cando SOGAMA ven de facer pública a súa conta de resultados para 2022, que confirman a inferioridade e insuficiencia do modelo que agora se quere implantar na Coruña. A captura de residuos de envases mediante o colector amarelo non mostra melloría nos últimos anos e fica en 7,7 kg/habitante e ano, fronte aos 30 de Nostián, para o último ano 2022 (ver Gráfico de evolución). É unha ironía que SOGAMA veña de facer investimentos multimillonarios en 2018-2019 para recuperar este tipo de materiais a partir da chamada bolsa negra, tras constatar ao longo desas dúas décadas o fracaso do colector amarelo. Aínda así, o modelo Nostián mostrouse superior á suma das dúas vías de recuperación de SOGAMA. Todo isto, con custos claramente inferiores para Nostián, ao facer uso de dous colectores (húmido-seco) fronte aos tres aos que está abocado o modelo SOGAMA (isto, a parte de papel e vidro). A caso é a vantaxe económica do modelo de recollida húmido-seco o principal obxectivo a bater?»

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario