UGT e CCOO chaman a manifestarse o Primeiro de Maio polo pleno emprego, a redución da xornada e mellores salarios

por Redacción Galicia

Ambas as dúas organizacións piden a participación cidadá nas mobilizacións que convocan nas sete cidades galegas

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia chaman a cidadanía a manifestarse o 1.º de Maio, Día Internacional do Traballo, para defender o gañado ata agora e continuar avanzando en novos retos laborais e sociais. O lema escollido este ano, «Polo pleno emprego, a redución da xornada e mellores salarios», sintetiza esta necesidade as principais reivindicacións.

Nun contexto convulso como o actual, tanto a nivel estatal como internacional, UGT e CCOO defenden o sindicalismo de clase como un piar transformador: onde hai sindicatos fortes e con forza na toma de decisións, a vida da clase traballadora é mellor.

Grazas ao diálogo social, na última lexislatura conseguíronse importantes melloras para a clase traballadora, como a reforma laboral, que se traduce en mellora na calidade do emprego —así o recollen as estatísticas oficiais—. Agora toca avanzar e camiñar cara ao pleno emprego.

Pleno emprego e, ao tempo, menor presenza nos centros de traballo, de aí a proposta de redución de tempo de traballo que os sindicatos lle trasladaron ao Goberno de España, co obxectivo de reducir a xornada laboral semanal.

No tocante aos salarios, CCOO e UGT defenden que hai marxe para incrementalos, pois a súa suba é compatible coa recuperación do emprego e unha absoluta necesidade para amortecer o impacto da inflación sobre o poder adquisitivo das persoas traballadoras.

Soster os sistemas de protección social, protexer as persoas traballadoras que se encontran en situacións de vulnerabilidade, acabar coa precariedade laboral da xuventude ou coa fenda de xénero son outros dos grandes retos pendentes e polos que UGT e CCOO chaman a participar nas mobilizacións do Día Internacional do Traballo.

MOBILIZACIÓNS:

A CORUÑA: Manifestación con saída ás 12.00 horas da Praza da Palloza ata a Praza de Ourense.

SANTIAGO: Manifestación con saída ás 12.00 horas da Alameda ata a Praza da Quintana.

FERROL: Manifestacións con saída ás 12.00 horas da Praza do Inferniño ata a Praza de Armas.

LUGO: Manifestación con saída ás 12.30 horas da Ronda da Muralla (diante dos sindicatos) ata a Praza de Armañá (Subdelegación do Goberno).

OURENSE: Manifestación con saída ás 12.00 horas do Pavillón dos Remedios ata a Subdelegación do Goberno.

PONTEVEDRA: Manifestación con saída ás 12.00 horas da Praza da Ferrería ata a Praza de España.

VIGO: Manifestación con saída ás 11.30 do Cruzamento de Urzáiz con Vía Norte ata o Edificio da Xunta.

VILAGARCÍA: Concentración na Praza de Ravella a partir das 12.00 horas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario