A UDC achegará a ciencia á cidadanía da Coruña e Ferrol na Noite Galega das Persoas Investigadoras

por Redacción Galicia

A sala de prensa da Universidade da Coruña acolleu hoxe a presentación do extenso programa de actividades da terceira edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que terá lugar os días 29 e 30 de setembro nas sete principais cidades de Galicia, da que a UDC coordina os actos que se desenvolverán nas cidades da Coruña e Ferrol

As encargadas da presentación foron a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López Villar; a coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya; e a directora técnica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Anne Gosset.

O evento de divulgación científica, este ano co lema “Conciencias Creativas”, celébrase o último venres de setembro, e nesta edición desenvolverase de xeito simultáneo en case 400 cidades europeas.

A Universidade da Coruña estará presente xunto co resto de universidades galegas nun amplo programa de actividades, as cales terán lugar en diversas localizacións das cidades da Coruña e Ferrol, coa finalidade de amosar a diversidade da ciencia e a tecnoloxía, e o seu impacto na vida da cidadanía. A vicerreitora Cristina López puxo en valor esta iniciativa que “representa unha oportunidade moi importante para achegar o coñecemento da Universidade a todas as persoas e tamén para romper estereotipos sobre quen lidera moitos dos proxectos de investigación máis importantes da UDC, que son mulleres”.

Cristina Naya foi a encargada de detallar a programación do evento na cidade da Coruña, cun programa que poderá acoller a máis de mil persoas. Este ano a UDC conta coa colaboración dos distintos centros de investigación da UDC, os museos científicos coruñeses, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, o persoal de investigación do Instituto de Investigacións en Ciencias Biomédicas, a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia.

Ofreceranse actividades en horario de mañá, dirixidas principalmente ás entidades educativas, e de tarde para o público e xeral. Terán lugar no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o MUNCYT, a praza de María Pita, La Olímpica bar en Alfredo Vicenti e o estudo teatral Casa Hamlet, na rúa Alfonso VII.

A encargada de presentar a programación de Ferrol foi Anne Gosse, cidade na que ten previsto acoller a máis de 600 persoa nas diferentes actividades. Os eventos terán lugar en xornada de mañá e tarde no propio CITENI, pero tamén no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño da Cabana (CIS).

Todas as actividades teñen carácter gratuíto e a participación é de xeito presencial.

Máis información na web: https://gnight.gal/.

Foto portada: Desde a esquerda, a coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya; a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López Villar; e a directora técnica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, Anne Gosset

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario