A sección denomínase ‘Letters from Galicia’ e materializouse grazas aos esforzos do Galician Film Forum (GFF) e da Mostra Internacional do Cinema Galego (MICE)
Por primeira vez en 19 anos, o audiovisual galego ocupa unha sección específica no London Spanish Film Festival (LSFF) grazas ao esforzo conxunto do Galician Film Forum (GFF) e da Mostra Internacional do Cinema Etnográfico (MICE). Así, Letters from Galicia, como se chama a nova sección do festival londiniense, vai proxectar obras de Eloy Domínguez Serén e mais Diana Toucedo este vindeiro mércores 27 de setembro no Ciné Lumière da capital británica. Ademais, Eloy Domínguez desprazarase ata Londres como convidado polo festival para participar nun coloquio ao remate da proxección que vai ser moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum.
O LSFF, que xa alberga desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 15 e 14 anos de vida, respectivamente, abre esta nova ventá co foco nas creacións galegas galardoadas na última edición da MICE. Estas proxeccións suporán a estrea no Reino Unido da longametraxe Al otro lado del mar de Eloy Domínguez, premio ao Mellor Filme Galego, e da curta de Diana Toucedo Tatuado nos ollos levamos o pouso, premio CREA. Alén diso, Letters from Galicia tamén acollerá outras catro obras de Toucedo: Prekasno, Borders, Homes e Imágenes secretas. Deste xeito, o audiovisual galego faise un oco con nome propio dentro desta cita do cinema español que leva case vinte anos celebrándose en Londres e amosando o mellor do cinema estatal.
Sobre as obras
Al otro lado del mar é unha longametraxe documental dirixida polo galego Eloy Domínguez Serén e polo colombiano Samuel Moreno Álvarez na que ambos os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos nos seus respectivos países. A modo de vídeo correspondencia, as cartas filmadas que compoñen a obra “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto”, que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores.
Pola súa banda, Diana Toucedo, que xa proxectou no LSFF de 2019 a súa obra Trinta lumes, regresa agora cunha sesión que reúne cinco mostras do seu talento e na que destaca Tatuado nos ollos levamos o pouso, unha curtametraxe multipremiada sobre as mariscadoras dunha vila do sur de Galicia rodada “cunha mirada coidadosa, sensible a todos os elementos e símbolos e fundindo os corpos na natureza”.
LETTERS FROM GALICIA
Mércores 27 de setembro | Ciné Lumière [17 Queensberry Place, South Kensington, London SW7 2DT]
16:50 h | Diana Toucedo’s Short Letters | £15
18:30 h | Al otro lado del mar | £15 | Coloquio posterior con Eloy Domínguez