Formoso. «O discurso de investidura de Feijóo é o comezo do seu ocaso político»

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, sinalou este martes que o discurso de investidura enunciado por Núñez Feijóo marca “o comezo do seu ocaso” na política e “de todo o que el significa”, incluíndo a Alfonso Rueda.

O líder dos socialistas de Galicia acudiu á tribuna de invitados da Cámara baixa para seguir de primeira man a sesión de investidura de Feijóo que será previsiblemente falida. Ao finalizar a sesión matinal co discurso do candidato á presidencia do goberno, remarcou que se puxo en evidencia que o líder popular “segue co shock das eleccións e o seu resultado o 23 de xullo onde cría que as enquisas o ían facer presidente do goberno”.

“O pobo español ten voz propia, capacidade de autocrítica e polo tanto ten a capacidade e lexitimidade de decidir quen quere que sexa presidente do goberno e decidiu que non fora Feijóo”. Así mesmo, considera que “esta semana vai quedar reflectido que vive na ignominia”, xa que “os números non lle dan e segue pensando que pode ser presidente”, como así expuxo no seu discurso, no que asegurou que non é presidente porque non quere, a pesar de poder dispoñer dos votos suficientes

Tamén criticou que sexa “un discurso falto de ideas”, máis parecido a unha moción de censura contra un goberno en funcións que unha carta de presentación dun candidato,  e no que ademais “agradeceu a Vox o seu apoio”, cos que xa pactou en varias comunidades autónomas e 140 concellos. Formoso remarcou tamén a incoherencia de que Feijóo expoña varios pactos de Estado, mentres segue bloqueando a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e só se chegue a acordos cando o PSOE é quen está na oposición.

Ante as críticas a un posible acordo do PSOE con Junts nunha futura investidura, Formoso dixo que “Feijóo almorza dicindo que vai falar con Junts e á hora da merenda di que non vai pactar con eles”. Polo que cre que “a fiabilidade de Feijóo está en tela de xuízo” e ten a seguridade de que se puidera así ser presidente do goberno, non dubidaría en pactar coa formación nacionalista, e “non poría ningún principio enriba da mesa”, alegou.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario