Noelia Otero reclama a recuperación da gratuidade dos libros de texto

por Redacción Galicia

Esixe ao Conselleiro de Educación un cambio de rumbo ante a política de recortes no sistema educativo galego

A portavoz de educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, reclamou este martes ao Conselleiro de Educación a recuperación do sistema de gratuidade dos libros de texto que instaurou o goberno de Pérez Touriño e denuncia a hipocrisía de Rueda coas axudas para material deportivo na que non hai criterio de renda, como así defenden para a educación obrigatoria.

A deputada socialista replicou a comparecencia do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no pleno do Parlamento apuntando especialmente á demanda de recuperar o sistema de préstamo de libros de texto que retirou o PP, sendo o actual sistema que tamén obriga a renovar os libros cada ano, o que para Otero só beneficia ás editoriais e prexudica ás familias. Lembrou que este sistema é “parte necesaria para garantir o acceso a unha educación pública gratuíta e dar cumprimento ao mandato constitucional”, o que para os populares “ é café para todos”.

Sen embargo, sinalou que “noutros ámbitos non educativos si que aí hai máis que café para todos”, poñendo como exemplo a rebaixa ao imposto de patrimonio aos millonarios que custa ás arcas galegas arredor de 34 millóns de euros ao ano ou o bono para material deportivo para o que non se establece o criterio de renda, así como outros bonos culturais ou turísticos que se promoveron dende a Xunta e nos que non se ten en conta a renda dos solicitantes.

Por todo elo, ante o argumento da progresividade por parte do goberno galego que non existe neste ámbitos, a deputada preguntou ao conselleiro “progresividade cando e para quen?”. Así mesmo, trasladou as demandas das ANPAS e a comunidade educativa no seu conxunto din “ata aquí” cos recortes educativos que minguan a calidade educativa.

Noelia Otero tamén reprochou que de cara a este curso a Xunta só aumentara en 20 euros as axudas para libros e material escolar que non compensa o excesivo encarecemento dos prezos destes materiais. Ademais, insistiu en que o sistema actual de axudas deixa fóra a familias de rendas medias e medias-baixas, tendo en conta que as que teñan simplemente dous fillos poden asumir un custo neste inicio de curso de ata 600 euros, obrigando a moitas delas e endebedarse.

A voceira socialista tamén criticou as deficiencias denunciadas por responsables das comunidades educativas de centros por toda Galicia no transporte escolar. Polo que reprochou ao conselleiro que existan autobuses para desprazar a persoas a Madrid para unha manifestación partidista, pero que non haxa suficientes para o correcto funcionamento do sistema de transporte escolar.

Engadiu tamén unha comparación desta xestión da Xunta coa realizada polo goberno central liderado por Pedro Sánchez que reduciu notablemente das cifras de abandono escolar e que ten un investimento récord en bolsas de estudo con 1.000 millóns de euros máis, un 66% superior á cifra destinada polo último goberno de Rajoy.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario